Pedra, cicel e poesía para homenaxear a Pura e Dora Vázquez

La Voz OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

antonio cortés

Luís González Tosar ultima a peza escultórica para lembrar ás irmáns na Insua dos Poetas

13 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Insua dos Poetas acollerá o vindeiro sábado, día 16, unha nova edición da Festa da Palabra. Unha convocatoria, a do 2016, que a fundación que leva o nome deste espazo cultural e de natureza do Carballiño acordou adicarlle ás irmáns Pura e Dora Vázquez. As escritoras ourensás protagonizarán a octava cita da festa e sumaranse ás homenaxes que ata o de agora se lle teñen feito a figuras como Francisco Luis Bernárdez, Eduardo Blanco Amor, os poetas do Rexurdimento, Arturo Baltar, Ramón Piñeiro e Díaz Castro. A Festa da Palabra comezará o sábado, ás 19.00 horas, e como xa é tradicional entregaránse os premios da Fundación Insua dos Poetas -os Sete Carballas- e lembrarase a figura das docentes e poetas Pura e Dora Vázquez. Como xa é costume, ao rematar o acto haberá «degustación de produtos ourensáns». En cada edición da festa procédese á inauguración dunha peza ou grupo escultórico creado para manter a memoria dos homenaxeados neste espazo cultural. Artistas como Xosé Cid, Manuel Penín, Acisclo Manzano, Acisclo Novo ou a Escola de Canteiros de Poio, entre outros, teñen obras neste lugar.

Volvendo ás orixes

A proposta que rendirá homenaxe ás irmáns chega este ano da man do propio presidente da Fundación Insua dos Poetas. Luís González Tosar iniciouse no traballo da pedra en Vigo co escultor Camilo Nogueira Martínez -pai do político Camilo Nogueira- e co paso do tempo decantouse pola filoloxia e o ensino, abandoando a talla. Tosar botou semanas elexindo e traballando a pedra nunha canteira, nunha corda entre Ourense e Pontevedra, e desa experiencia dá conta en «Silencio da palabra», o artigo publicado o pasado 1 de xullo no Fugas de La Voz de Galicia. O texto remataba de forma clarificadora: «A escultura volve a min, é o silencio da palabra».