Cine para reivindicar a memoria

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

O CARBALLIÑO

santi m. amil

O Auditorio do Carballiño acolleu a proxección do documental «Sons no camiño»

24 jun 2016 . Actualizado a las 19:27 h.

Houbo un tempo no que os arrieiros eran destacados protagonistas da vida de moitas comarcas de Galicia. Nese ir e vir carrexaban o que se precisaba nos pobos polos que pasaban e no caso das zonas de O Ribeiro e O Carballiño as rutas servían para darlle saída ao viño e a outros produtos cara a Compostela ou, no caso das elaboracións da comarca vitivinícola, hacia Pontevedra para continuar daquela o camiño por mar, logo de trasfegar os vultos no porto. Testemuños daquela época foron quedando en cantigas e documentos, e dende hai anos téñense desenvolvido iniciativas para reivindicar a súa figura e os seus vieiros -dende a recuperación do chamado Camiño dos arrieiros até o cómic creado o pasado ano por Pablo Rodríguez Oitaben, titulado Pepiño O Arrieiro, logo de facer o camiño entre a capital do Ribeiro e Pontevedra-.

Naquela realidade mergulláronse os alumnos do IES Chamoso Lamas do Carballiño para crear un documental dentro do proxecto Cinema en curso. A iniciativa é un programa de pedagoxía do cine que se desenvolve en colexios e institutos dende o 2005 e no caso galego participaron neste curso centros de ensino de O Carballiño, Cangas, Arteixo e Becerreá.

Polo camiño dos arrieiros

Os alumnos do Chamoso Lamas, de 4º da ESO, centraron a súa olla na vella tradición e no documental

Sons no camiño

«reflíctese o pasado e o presente dos pobos do val do Varón, polo que transcurría o Camiño dos arrieiros. Vellas historias e recordos mistúranse coa chegada de novos habitantes a estes lugares nos que a despoboación e o abandono fixeron estragos. Xentes que marcharon, xentes que nunca se foron e xentes que veñen de chegar aparecen no filme, que pretende pór tamén en valor a beleza deste val», segundo se recolle na documentación do traballo.

Na última edición de Cinema en curso participaron centros de ensino de Cataluña, Madrid, Galicia, Arxentina e Chile e no caso galego a coordinación dos proxectos correu a cargo do CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe), en colaboración co Plan Proxecta -iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria- . Os creadores do documental que percorreu a memoria dos veciños do Carballiño que viven no val polo que transitaban os arrieiros coas súas recuas de animais, xeralmente mulas, cargados de olas de viño e outros materiais foron Kevin Alfonsín, Samuel Álvarez, Ramiro Bello, Tamara Cerdeira, Marcos Dobarro, Álvaro Domínguez, Miguel Fernández, Paula Fernández, Alba García, Noel Garrido, Jennifer Iglesias, Lorena Mejuto, Sebastián Pérez, Manuel Alejandro Ranalli, Javier Reigosa, Andrés de la Vega e David Manuel Viéitez. Contaron co asesoramento e a experiencia aportada polo cineasta Ángel Santos e co acompañamento dos profesores Ricardo Paz, Marcos Arias, Magalí Baladrón, Raúl Gómez e Rafael Otero. A estrea dos traballos de Cinema en curso fíxose o pasado 2 de xuño na Filmoteca de Barcelona. E logo da participar na cita, os documentais galegos amosáronse o pasado día 16 nas instalacións da filmoteca galega, o CGAI.

Estrea accidentada

A estrea do traballo dos rapaces e profesores do Chamoso Lamas na vila tivo que superar algún atranco fóra de guión. Cun Auditorio do Carballiño expectante a sesión prevista para o pasado venres, día 17, foi adiada por mor dunha avería no sistema eléctrico do centro multifuncional -os alumnos interpretaron a peza que forma parte da banda sonora pero non se pudo facer a proxección-.

A cita do mércores desenvolvese sen incidentes e O Carballiño coñeceu

Sons no camiño

.