Poesía para un día de árbores e auga en O Carballiño

La Voz OURENSE

O CARBALLIÑO

Luís González Tosar dirixíndose aos participantes nos actos da Insua dos Poetas.
Luís González Tosar dirixíndose aos participantes nos actos da Insua dos Poetas. miguel villar< / span>

A Ínsua dos Poetas do Carballiño celebrou a chegada da primavera

24 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Insua dos Poetas xa é un dos espazos de referencia de Galicia á hora de celebrar as citas que coinciden coa chegada da primavera. No espazo natural e cultural de A Esgueva (O Carballiño) xuntáronse onte creadores, autoridades e escolares dos centros da comarca para celebrar o Día da Árbore, o Día da Auga e o Día da Poesía convocados pola Fundación Insua dos Poetas, da que é responsable o escritor Luís González Tosar. A Deputación de Ourense estivo representada polo seu presidente, José Manuel Baltar Blanco, e a Xunta de Galicia por varios membros: o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o de Política Lingüística, Valentín García, e a xefa territorial da Consellería de Cultura e Educación, Mercedes Gallego. Tamén participaron na convocatoria o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, e Ignacio Vilar, o director de A Esmorga.

Luís González Tosar reivindicou o protagonismo da palabra para que a mesma ocupase onte un lugar principal «nun día como o de hoxe, neste espazo libre, aberto, común e plural que é a Insua dos Poetas, onde falamos de conservación da natureza e de literatura como expresións dos seres humanos». Pola súa banda o secretario xeral de Cultura amosouse certo de que o espazo natural carballiñés «é un dos epicentros da creatividade galega», lembrando que dende a posta en marcha da celebración anual neste lugar «sempre destacou o seu labor por difundir a poesía e transmitir a idea da lingua baixo o concepto da liberdade de expresión».

Na celebración participaron escolares dos centros carballiñeses Vila do Arenteiro e Sagrado Corazón, léronse poemas de Rosalía de Castro e de Pondal e houbo prantación de amieiros.

Na súa intervención no acto, o presidente da Deputación de Ourense referiuse aos escolares como o símbolo do futuro da provincia e definiu o espazo onde se desenvolveu o acto como «a República Independente da Insua dos Poetas». José Manuel Baltar asegurou que con actos como o celebrado onte no Carballiño «facemos Ourense, porque honramos á palabra e tamén a auga, elemento importante nunha provincia como a nosa onde o termalismo está a xogar un importante papel, e onde tamén poñemos en valor o medio natural simbolizando na árbore».