Curandeiros

Rubén Eyre

O CARBALLIÑO

07 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Ribeira Sacra e os seus Redores tamén engrosan ese abano de curandeiros que xurdiron na sociedade tradicional galega. Pouco se ten escrito dos persoeiros que mostraron o seu enxeño no oficio da curación por estas terras. Non obstante, houbo un bo feixe deles nestes últimos tempos. Algúns eran só compoñedores das dislocacións dos ósos, que exercían o amaño con destacada mestría. Pero outros portaban sabedorías para calquera gromo de enfermidade que asomase. Ás veces estes males eran tan complicados que a ciencia médica non lles tiña solución; sobre todo os tastarexos do espíritu.

Dun xeito semellante aos menciñeiros de Cunqueiro, pola nosa zona operaban varios ao calado. Curaron a moita xente que aínda vive e cho conta. Por desgraza moitos deles tiveron que emigrar na procura de mellor destino. Esparexéronse pola América do Sul, onde ampliaron coñecementos e case todos acadaron unha grande reputación. Un deles, chamado Masomparra, quitoulle vinte demos do bandullo ao xeneral Videla na mesma Casa Rosada. Despois, cando se dispuxo a aborrearlle outro máis perverso que tiña na cabeza, retorcéronlle o pescozo membros da intelixencia arxentina.

Un neto deste Masomparra, ata hai pouco, reparábate nas faldas do Faro; agora seica marchou e vaille moi ben aló por trala costa. Polo que se di, é un experto nas razóns que o corazón ten, segundo a teoría de Pascal. Aquilo que ninguén entende cando o corazón doe sen ninguha causa aparente, poncho el en cura a medio prazo. Parece ser, en palabras do especialista, que a maior parte destes delicados males proceden do amor a destempo. Para isto dalles aos enfermos un xarope composto de herbas de monte escarpado e un beberaxe contra o estrinximento nos casos de suma gravidade. No proceso de curación hai que absterse de todo tipo de praceres carnais; non sexa que, por vía de canos, se enganchen outros males novos, como dicia Luís de Morgade, curador de D. Carlos II o Enfeitizado.

En calquera caso, para tanguer estas dores misteriosas, merece a pena visitalo. Só hai un pequeno problema: aquelas persoas que van ao baile ao Carballiño non serán admitidas na consulta. A explicación que dá é que o amor en idades avanzadas non ten cura e, se a ten, a moitos pacientes quédalles pouco tempo para afrontar a recuperación. Vista a reflexión, un decátase doutro motivo máis polo que Castelao aconsellou no título dun libro que os vellos non debían de namorarse.