«É a mascarada máis grande da Península»

O BOLO

MIGUEL VILLAR

Máis de 800 persoas de 39 grupos de España e Portugal participan no desfile de entroido desta tarde en Viana e mañá en Vilariño

13 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A un veciño de Viana do Bolo ou Vilariño de Conso non se lle pode preguntar canto leva saíndo no entroido. Ou si, basta con pedirlle a data de nacemento. «Os que somos de aquí nacemos con isto, non é algo que se compre», di Jorge Domínguez (1974, Punxeiro, Viana). Desde hai catro anos organiza a mascarada ibérica, que hoxe (16.30 horas) desfile por Viana do Bolo, e mañá (ás doce) por Vilariño de Conso. Conta coa axuda da asociación Xuntos polo folión de Vilariño e os dous concellos. É tamén presidente da asociación de folións rurais vianesa, que agrupa a 11 pobos.

-¿Por que unha mascarada?

-Tiñamos invitación para ir á mascarada do festival de Lisboa, e ao participar fomos coñecendo entroidos e mascaradas da Península, empezamos a facer intercambios culturais, que eles veñen aquí e nós imos a Cantabria, Asturias, Cobres... E entón a idea foi, ¿por que non facer algo paralelo a Lisboa? Aquel é un desfile moi urbanita, moi de cidade, e pensei que se estaba quitando do contexto, porque os entroidos son do rural.

-¿E saiulles ben?

-Esta é a cuarta edición, e xa é o desfile de entroido máis grande da península. Alí había 31 grupos, e nós somos 39, e desfilamos unhas 800 persoas.

-¿Que se vai poder ver hoxe á tarde e mañá á mañá?

-É un desfile onde os folións van acompañados de máscaras de inverno de Portugal, Cantabria e outros puntos da península, e moitos de Ourense. Veñen de Manzaneda, A Gudiña, O Bolo, Verín, Xinzo... Para ter viva a nosa tradición, as máscaras van interacturar co público presente. O bo desde tipo de desfiles é que dentro da mesma poboación imos ver moitos entroidos que doutra maneira non se poderían ver, porque o día grande coincide en moitos sitios na mesma data.

-¿Por que decidiron xuntarse con Vilariño?

-O primeiro ano a idea era facelo só en Viana, pero desde fai anos tiña ilusión de poder ver o folión de Viana en Vilariño e ao revés. Parecía que chegaba o entroido e estaban separado os dous concellos [o seu día grande coincide no domingo]. Falei coa xente nova de Vilariño, e aceptaron, e están superintegrados na idea. A verdade é que teño moito apoio deles na organización.