«Iribarne» desembarca en Ourense por Valdeorras

La Voz OURENSE

O BARCO DE VALDEORRAS

«Iribarne», de Butaca Zero
«Iribarne», de Butaca Zero Cedida

O proxecto de ButacaZero, no que participa o ourensán Anxo Outumuro, percorre Galicia logo da exitosa tempada en Madrid

20 feb 2024 . Actualizado a las 21:31 h.

Día 23 • 21.00 horas • Teatro Lauro Olmo • O Barco de Valdeorras • A compañía ButacaZero —en coprodución co Centro Dramático Nacional e a Mostra de Teatro de Ribadavia— está de volta en Galicia para amosar o seu «Iribarne» logo dunha tempada exitosa en Madrid. A montaxe é unha obra coral, escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira, que aborda a figura do que fora presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga Iribarne, en clave de humor. A obra está protagonizada polos actores Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Mónica García, Lidia Veiga e o ourensán Anxo Outumuro. Carrodeguas define a súa proposta escénica como «un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí, camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles na nosa historia». Para abordar a escrita procuráronse testemuñas e aportacións de todos os cidadáns que quixeron participar no proceso, para o cal se fixou un prazo para achegar documentación, anécdotas, experiencias e o que se considerase de interese. Logo da tempada realizada en Madrid, no outono, «Iribarne» está de xira por Galicia e conta co respaldo do público, que está a esgotar as entradas. A obra xa pasou por Vilalba —a vila onde naceu Fraga— e Compostela. Este venres ButacaZero estará co seu espectáculo en O Barco de Valdeorras e xa están confirmadas datas para Vilagarcía de Arousa (24 de febreiro), A Coruña (15 e 16 de marzo), Lugo (11 de abril), Tomiño, Cangas, Bilbao, Narón, Vitoria e Ribadavia (en xullo, na MIT). 

Materiais inéditos

O proxecto sobre Fraga Iribarne vai máis alá dos escenarios. Na canle de Youtube da obra está dispoñible a banda sonora —creada por Berto— e xa é posible acceder na mesma ás entrevistas que lle foron realizadas a Manuel Rivas, Xesús Palmou e Encarna Otero dentro do proceso de investigación para a mesma.