Sarah Borcuk e Lalo Gesteira, artesáns: «Facemos xoguetes de madeira para volver aos xogos da nosa infancia»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

O BARCO DE VALDEORRAS

Lalo Gesteira e Sarah Borcuk crearon Artesanía Enxebre no 2019
Lalo Gesteira e Sarah Borcuk crearon Artesanía Enxebre no 2019 Lolita Vázquez

Atoparon ferramentas e vírono coma un sinal para comezar a traballar coas mans

11 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A chegada de Sarah Borcuk e Lalo Gesteira ao mundo da artesanía foi unha casualidade. Unha desas cousas que ten o destino. Era alá polo ano 2015 cando os dous quedaron no paro, así que a avoa de Sarah deulles as chaves dun baixo que tiña en Viloira (no Barco de Valdeorras) para que buscaran entre a ferramenta que alí gardaran o seu pai e o seu avó e ver se había algo aproveitable que poder vender e sacar uns ingresos cos que chegar a fin de mes. Pero unha vez que abriron a porta, Sarah e Lalo atoparon unha chea de caixas con ferramentas e máquinas para traballar a madeira.

«Había moitas cousas a nivel bricolaxe, algunhas incluso sen abrir, e dábanos cousa pensar en vendelas así», conta ela. Interpretárono como «un sinal» e decidiron probar a ver que podían facer cosas súas mans e todas aquelas ferramentas. E o que viron é «que somos apañados», resume Sarah, así que de forma autodidacta e mirando moitos vídeos de como traballan outros artesáns a través da Rede foron dándolle forma a todo tipo de obxectos. «Primeiro facíamos para nós, despois para a familia e os amigos...», recorda.

E en marzo do 2019 ás portas da pandemia, conseguiron a carta de artesáns da Xunta. «Foi algo moi importante para nós, porque acredita o noso traballo». Querían dar o salto a abrir o obradoiro ao público, pero decidiron agardar ata final de ano para sacar a súa web. En Internet e nas feiras están os seus clientes. Instagram, Facebook e Tik Tok son algunhas das ferramentas (estas tecnolóxicas) das que botan man para dar a coñecer o seu traballo. Aí seguen, agora desde finais de verán co orgullo de ter conseguido tamén entrar no selo Artesanía de Galicia. «Foi un boom para nós», di. O seu próximo reto pasa por abrir un escaparate ao público no seu obradoiro, que montaron naquel baixo da avoa no que atoparon o seu cambio de vida. «A planta baixa dá á praza de Viloira, así que queremos facer un showroom para que a xente poida timbrar e entrar a ver o noso traballo», conta. A idea está aí, e o prazo que se poñen é finais de ano.

Seguen co proxecto mentres estes días andas enleados nas vendimas. «Vivir da artesanía aínda é complicado, porque ao final é un artigo de luxo, non de primeira necesidade», conta Sarah, e iso significa que en canto a xente vai mal de cartos, recorta por aí. É por iso que a parella compatibiliza as horas no obradoiro con ocupacións estacionais que lles dan ingresos extra.

En Artesanía Enxebre (que é como se chama o seu proxecto) fan desde lámpadas a táboas de corte pasando por pirogravados ou obxectos de decoración. Tamén teñen unha oferta cada vez máis importante de xoguetes de madeira, «para volver aos xogos da nosa infancia», conta Sarah; e entre os que teñen o seu propio espazo os do método educativo Montessori. «Parécenos interesante, e ademais cremos que hai nicho de mercado, nos xoguetes para nenos e tamén para animais; é outra opción máis», engade a artesá.

Ademais das redes, Sarah e Lalo aproveitan as feiras para ensinar o seu traballo. Porque a moitos clientes gústalles ver como traballan ou tocar un obxecto antes de mercalo. E neses casos, di Sarah, o que máis valoran é que todo sexa totalmente artesán e personalizable, desde un letreiro para un negocio ata un cartel de benvida ao fogar ou unha árbore xenealóxica.

 

«As verbas de Florencio», un pirogravado que aparece nalgures

Co gallo do Día das Letras, Sarah e Lalo decidiron facer algo especial, así que deseñaron un cartel de madeira cun pirogravado de versos de Xela Arias. Agochárono nun sitio público e publicaron unha foto nas redes sociais. Nin cinco minutos despois, xa desaparecera. «Entón decidimos facelo con Florencio Delgado Gurriarán», recorda Sarah. Naqueles momentos o poeta de Córgomo era candidato a conseguir o 17 de maio, como logrou dous meses máis tarde. Nacía entón o proxecto As verbas de Florencio, que consiste en que cada domingo, ben cedo pola mañá, Sarah e Lalo deixan un novo pirogravado con poemas de Florencio. Escollen un lugar público de Valdeorras e colgan nas redes unha foto de onde quedou agochado, cunha pequena pista. É xa unha tradición dominical que conta cunha ampla rede de seguidores. De feito, algúns levan a obra de arte para a casa (porque así invitan a facelo desde Artesanía Enxebre), e outros buscan o tesouro e avisan aos artesáns de que o localizaron, mandándolles unha foto, pero déixano no sitio. «É un subidón ver a resposta da xente», confesa Sarah.

DNI

Quen son. Sarah Borcuk naceu fai 34 anos en Australia e tiña cinco anos cando a familia volveu para Valdeorras. Despois de varios anos vivindo en distintos sitios, no 2015 asentouse no Barco con Lalo Gesteira, o seu mozo, natural de Ourense, de 38 anos.

Que fan. Traballan como artesáns no seu propio obradoiro, Artesanía Enxebre, con sede en Viloira (O Barco). Son moi activos en redes sociais.