Eduardo Gómez: «O Barco deumo case todo: familia, traballo, amizades, deporte...»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

O BARCO DE VALDEORRAS

Eduardo Gómez, lendo o pregón do Cristo no Barco
Eduardo Gómez, lendo o pregón do Cristo no Barco Lolita Vázquez

O médico barquense leu o pregón de inicio do programa cultural do Cristo

11 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Titulando o seu pregón Memorias dun neno do Barco era fácil adiviñar que o que se viña por diante era unha mestura de recordos, risas, anécdotas e momentos para apertar os dentes mentres as bágoas baixaban polas meixelas. E así sucedeu sobre o escenario e tamén entre o público co pregón de Eduardo Gómez Vidal, un dos fillos do Tavín e a Sofía, como os máis vellos o coñecen; o Eduardo das Casas Baratas, para outros, pero tamén o médico de Urxencias no Hospital Comarcal de Valdeorras, o compañeiro da Mariló, o pai de Adri e de Edu, o exconcelleiro do Barco, o xogador de baloncesto... Como resumiu: «O Barco deumo case todo: unha gran familia, traballo, amizades, deporte...».

Moitas facetas para as que tivo recordos Eduardo Gómez no seu discurso ante una carpa chea de xente. O cambio de escenario (habitualmente era a praza Maior) veu dado para buscar un maior aforo e máis separación entre os asistentes. Porque o covid obriga a ser precavidos, como recordou Eduardo. «Estou seguro de que a pesar das restricións que temos, e que de momento so necesarias, saberemos gozar disto», recalcou. Ao tempo, quixo valorar en positivo que o Concello organizase actos para conmemorar unha data tan importante para os veciños. «Se es do Barco, esteas onde esteas, o corazón dáche un chouto e, se non podes vir, apodérase dun a nostalxia» co gallo do 14 de setembro.

Eduardo tirou de casabaratismo (como se autodenominan os veciños nun grupo activo nas redes sociais) para facer memoria da súa feliz infancia. Das tardes no río, do Descenso, daquela panda Px que medraba ou minguaba en funcións das mozas que ían entrando en saíndo. E tamén tivo un recordo especial para os que non poderán gozar do Cristo deste ano, como o seu irmán Martín (falecido uns meses atrás) e os seus amigos Félix Piernas, Luis o carteiro ou Pepe Paradelo. Tampouco esqueceu ao recentemente finado Luis Nogueira, o seu compañeiro no hospital.