Débora Álvarez: «Valdeorras leva anos reclamando o recoñecemento a Delgado Gurriarán»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

O BARCO DE VALDEORRAS

Débora Álvarez salienta a satisfacción dos valdeorreses polas Letras Galegas para o poeta de Valdeorras
Débora Álvarez salienta a satisfacción dos valdeorreses polas Letras Galegas para o poeta de Valdeorras AGOSTIÑO IGLESIAS

As Letras lembrarán a un autor que sempre defendeu o galego oriental

11 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega acordaba na súa xuntanza do pasado día 2 dedicar as Letras Galegas do 2022 a Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903 - Fair Oaks, Estados Unidos, 1987). Salientaba o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, á hora de comunicar a decisión que se reivindicaba a unha figura cunha dobre vertente: ao autor dunha poesía fondamente enraizada coa paisaxe cultural e xeográfica de Valdeorras e a unha persoa que tivo unha participación destacada nos proxectos desenvolvidos no exilio mexicano. Como acontecera con outros homenaxeados no 17 de Maio que serviron para dar presenza á emigración en Arxentina, as Letras Galegas do 2022 porán o foco tamén sobre os promotores de proxectos como o Padroado da Cultura Galega en México ou sobre publicacións como Saudade e Vieiros. Nese fato de galeguistas exiliados tamén haberá presenza de ourensáns como Elixio Rodríguez ou Carlos Velo. Débora Álvarez Moldes (O Barco, 1980), directora do proxecto As letras de Florencio, incide nos moitos anos de traballo reivindicativo. 

—Dende cando leva funcionando o movemento?

—Como tal As letras de Florencio empezou no 2016 e implica a varios concellos da zona, ao Instituto de Estudos Valdeorreses e aos veciños de Córgomo. Aínda que isto comezou hai moito máis tempo, cando alá polos 90 xa houbo iniciativas e logo xa con propostas dos veciños dende o 2002. E xa antes, en vida, se comezou a reivindicar o seu legado.

 —Cando foi iso?

—O IEV homenaxeouno en 1981. José Gayoso, que era íntimo amigo de Florencio Delgado Gurriarán, promoveu aquela homenaxe na que tamén se implicaron a RAG e o IEV. E foi pregoeiro das Festas do Cristo. E dende entón Valdeorras seguiu reclamando o recoñecemento para Florencio.