«O grandioso do Día das Letras de Florencio Delgado Gurriarán é que empezou cos veciños»

Fina Ulloa
fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

O BARCO DE VALDEORRAS

Imaxe dunha das actividades con escolares para darlle pulo á candidatura de Florencio Delgado Gurriarán.
Imaxe dunha das actividades con escolares para darlle pulo á candidatura de Florencio Delgado Gurriarán. Cedida

Valdeorras recibe con ledicia un recoñecemento que desde Córgomo se reclamou por primeira vez hai dúas décadas

05 jul 2021 . Actualizado a las 19:32 h.

A bisbarra valdeorresa asimila aínda a sorpresa de ver cumprido un desexo longamente esperado: a dedicatoria dun Día das Letras Galegas a Florencio Delgado Gurriarán. Fixeron falta moitos anos de traballo, reivindicado a figura do poeta nado en Córgomo, no municipio de Vilamartín de Valdeorras, para lograr a reivindicación que nun primeiro intento impulsou o colectivo veciñal FDG e o Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV) no 2002.

«Para nós isto é unha responsabilidade enorme e esperamos estar á altura da honra que supón para unha comarca ter un nominado para o Día das Letras. Creo que en toda Valdeorras haberá un antes e un despois», sinala Marga Pizcueta, concelleira de Cultura de O Barco, que asegura que os cinco anos de traballo desde que colleran o relevo do feito polo FDG e o IEV, pagaron a pena. A concelleira, que está convencida de que terá «unha repercusión tanto a nivel cultural como social e económica», felicítase tamén por ter convertido este obxectivo nunha loita comarcal «dende o minuto cero, e grazas á labor de Débora Álvarez, a coordinadora do proxecto que sempre tivo claro que había que ir por ese camiño».

Pizcueta é consciente de que agora empeza outro traballo, aínda que lembra que «será cando remate o ano de Xela Arias porque nós respectaremos ese tempo como esperamos que respecten o tempo do ano de Florencio». A deseñadora de As Letras de Florencio -nome que se lle deu ao proxecto da candidatura-, Débora Álvarez, confesábase ilusionada «aínda que estas cousas dan un pouco de vertixe porque non é o mesmo traballar a nivel da comarcal que a nivel galego». Pese a elo, a filóloga fai fincapé en que «temos tantas ideas, tantos colaboradores e tantas propostas que estaban gardadas porque non tiñamos suficiente financiamento, que hai moitas gañas de poñer cousas en marcha».

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, recoñecía que non puido conter a emoción cando soubo da boa nova pola coordinadora do proxecto. Unha emoción que vén dada en boa medida pola lembranza dos que iniciaron a aventura. «Penso que este é un momento para lembrar a Anxo Baranga e aos que estiveron naquel movemento dos veciños de Córgomo, hai vinte anos, porque eles foron a alma mater de todo isto. Eles estaban realmente convencidos naquel momento de que Florencio tiña posibilidades e fixeron que todos o crésemos; e foron quen de traer aquí xa daquela a Carlos Casares ou a Alonso Montero. E a moita xente máis que puxo o seu grao de area, como o cantautor Anxo Rei, que musicou algúns poemas de Florencio», conta Barreiro. O rexedor pensa que a celebración será «unha oportunidade única para toda Valdeorras, que vai ser referente cultural para toda Galicia».

O artista Anxo Baranga tamén confesaba estar «como nunha nube; é unha satisfacción moi grande ver que isto se consiga». É da opinión de que «o grandioso deste caso é que empezou cos veciños, dunha agrupación teatral que falou coa comisión de festas para facer unha actividade cultural».