Valdeorras estrea varias películas sobre Florencio Delgado Gurriarán

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO

O BARCO DE VALDEORRAS

LOLITA VAZQUEZ

A gala sobre o poeta de Córgomo será o venres no Barco

09 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Venres • 21.00 horas • Teatro Lauro Olmo de O Barco • Entrada de balde • Florencio Delgado Gurriarán protagoniza o venres unha gala de cinema. Non é que se descubrise agora que o falecido poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) tamén fixo cine, senón que sobre a súa figura xiran varias propostas cinematográficas rodadas nos últimos meses e que serán estreadas esta mesma semana nun acto impulsado pola Irmandade de Florencio, o colectivo que busca conseguir o Día das Letras para Delgado Gurriarán.

O actor Xosé Barato será o encargado de presentar a gala, tal e como anunciou o presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado. Nela poderase ver o documental «Xornadas coñece Valdeorras, coñece a Florencio», rodado pola produtora Sintelobos e no que se recollen as testemuñas de valdeorreses que coñeceron ao poeta ou saben da súa vida. «Aínda quedan moitas historias agochadas na memoria dos valdeorreses, polo que desexamos que esta sexa só a primeira parte dun proxecto máis ambicioso que nos leve a recompilar moitas historias do noso pasado», dicía o alcalde do Barco, Alfredo García.

O director petinés Domingo Díaz, pola súa banda, firma o vídeo homenaxe a Florencio, titulado «Castiñeiro morto», que colle o título do seu primeiro poema publicado, segundo explicou Débora Álvarez, a xestora da Irmandade de Florencio. Precisamente Díaz, xunto con Manolo Gómez, dirixiu os obradoiros sobre cinema que ao longo do ano pasado se levaron a cabo en centros educativos de O Barco, A Rúa e Tomiño; e que remataron cun concurso, cuxos premios serán entregados na gala do venres, segundo avanzou o rexedor rués, Luis Fernández Gudiña.

Finalmente, na gala incluirase tamén a presentación dunha antoloxía poética de FDG. «Xa fora editada polos veciños de Córgomo e agora reeditámola cos premios do concurso de poesía», dicía o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro. Os asistentes á gala poderán facerse cunha copia do libro, que se repartirá despois polas bibliotecas e centros escolares da comarca.