Tres días


Oque ten facer as cousas desde un despacho simulando que un nunca pisou a rúa (porque non me creo que haxa xente que naceu nun espazo enmoquetado e nunca mundo máis aló viu) é que pasan cousas como que o novo Plan de Transporte Público obrigue a un veciño de Trives a investir tres días (si, tres días) en poder baixar a O Barco para acudir a unha consulta médica, visitar a un enfermo, ir a Facenda... ou de compras, vaia. Que iso tampouco sería delito. Pero xa contando que o Plan ese non busque facilitar aos galegos poder ir de compras, o que debería facer é non poñerlle atrancos para facer trámites necesarios ou, incluso máis alá, coidar a saúde. Tres días para facer os 80 quilómetros que suman a ida e a volta. ¡Nin andando! ¿Que miolo iluminado puido pensar que un bus ás 5.15 da mañá é útil? Salvo que sexa que o Plan de Transporte vén recuperar aquela iniciativa dos Bus Moucho que trataban de evitar que a xente bébeda collera a coche despois de saír, non lle vexo a utilidade. Sería un despropósito pensar que un veciño de Trives teña que coller un bus ás 5.15 da mañá para baixar ao Barco ao médico, porque da hora de chegada ata lle custaría atopar un bar aberto para facer tempo; pero é que o miolo iluminado que deseñou os horarios penso que non, mellor desa hora para subir do Barco a Trives. ¡De turistas se vai encher o Macizo Central con eses horarios! Porque os do Barco non van a Trives facer trámites, nin ao hospital... Ese bus a maior parte das veces vai con triveses que volven á casa despois de facer recados polo Barco, a onde agora parecerá que van de turistas... ¡Tres días!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Tres días