Catro concellos de Valdeorras piden un Día das Letras para Florencio Delgado

María Cobas Vázquez
MARÍA Cobas O BARCO / LA VOZ

O BARCO DE VALDEORRAS

LOLITA VÁZQUEZ

A campaña ten como obxectivo conseguir que o poeta nacido en Córgomo sexa homenaxeado o 17 de maio do 2018

15 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No 2017 será Carlos Casares o homenaxeado no Día das Letras. Un ourensán despois de anos sen un escritor da provincia como protagonista. ¿E que tal dous anos seguidos? Iso pretenden catro concellos de Valdeorras, que acaban de poñer a andar unha campaña de promoción de Florencio Delgado Gurriarán.

Queren que o poeta de Córgomo (en Vilamartín) sexa o protagonista das Letras no 2018. «Se marcamos unha data, igual a presión é maior», defendía a concelleira de Cultura barquense, Margarida Pizcueta, na presentación do programa, acompañada dos alcaldes de Vilamartín, O Barco, A Rúa e Petín. Tamén estaba a dinamizadora da biblioteca barquense, Débora Álvarez, como organizadora. Precisamente ela foi a encargada de abrir o programa de difusión do poeta, o venres pasado, cunha conferencia que impartiu para os alumnos de galego na Universidade do País Vasco e que incluíu un concerto de Los Correctos. A próxima proposta estará relacionada coas postais de Nadal.

«Queremos facer fincapé na literatura de Florencio Delgado Gurriarán, porque é unha figura que debería ser recoñecida a nivel galego», defendeu Álvarez. Para iso buscarase implicar á cidadanía valdeorresa -tamén ao resto de Concellos da comarca, cuxos representantes tiveron participado en reunións anteriores sobre o programa- e ás empresas, en especial as de viticultura e lousa. Estes produtos, cun grande volume de exportación, axudarían a espallar a figura de Florencio Delgado, segundo destacou Pizcueta. As actividades estarán centradas na vida de Florencio Delgado, na súa obra literaria, nas súas capacidades artísticas, nas súas viaxes... en todas as facetas do autor.

En varios escenarios

Moitas das propostas que se levarán a cabo nos próximos meses terán como epicentro Córgomo, mais tamén se farán no resto de concellos da zona. Unha das propostas será a creación dun premio de poesía, dirixido a creadores adultos (tanto profesionais como non).

O orzamento que manexan os promotores da iniciativa móvese entre os 25.000 e os 30.000 euros, que sufragarán de maneira inicial os Concellos. Os promotores queren implicar á Deputación, por entender que se trata dun proxecto «de comarca, de provincia», argumentou o alcalde barquense, Alfredo García. Tamén buscarán posibles axudas da Xunta a través de subvencións.