Xuntos 50 anos despois en Nogueira de Ramuín

x. m. r. ourense / LA VOZ

NOGUEIRA DE RAMUÍN

MIGUEL VILLAR

O concello dos afiadores celebra o medio século de historia da escultura de Buciños coa que lle renden homenaxe

17 jul 2021 . Actualizado a las 12:48 h.

Nesta imaxe está resumido medio século de historia. Nela os seus protagonistas aparecen xuntos pasado 50 anos dende que estiveron neste mesmo lugar nunha xornada con carácter festivo.

Todo comezou como unha encarga e a mesma tivo un valor iniciático para un artista novo que cavilaba por onde dirixir os seus pasos. Fachendosos como sempre estiveron de ser a patria dos afiadores, en Nogueira de Ramuín quixeron erguer unha obra de arte que lembrase e rendese homenaxe a tantos veciños que se dedicaron ao oficio. Aos que se puxeron a camiñar detrás da roda e non volveron, aos que levaron o nome do pobo polo mundo adiante e aos que seguían coa tarazana nuns tempos, aqueles primeiros setenta, nos que aínda non se gañaba mal a vida grazas ao afiado.

Buciños queda abraiado cando se lle di que pasou medio século dende que fixo a peza -«xa pasaron 50 anos!»- e que a mesma foi escollida polo Concello de Nogueira de Ramuín para ilustrar o almanaque deste ano que lle regalaron aos veciños. Xunto á foto da escultura aparece a lenda O afiador. 1971 -2021. Iso si, Manolo Buciños lembra con total claridade como foi o proceso e a importancia que tivo para el a encarga.

 No momento xusto

«Para min, como artista, o proxecto tivo moita importancia polo que supuxo. Foi o primeiro encargo que tiven como escultor, fora o que entón estaba de alcalde o que me chamou para que lle creara a peza. Fixen un debuxo de como podía ser. Era todo moi figurativo... para min foi de grande importancia porque era o primeiro encargo dunha obra pública e iso xa me permitiu darme a coñecer nun tempo en que non sabía moi ben por onde dirixirme. Tiña algunha oferta para dar clases nun instituto e non sabía se collelo traballo ou dedicarme a arte en exclusiva. Finalmente díxenme que ía facer o que me gustaba e que sería artista».

A peza que segue lembrando aos afiadores na praza de Luíntra fundiuna no seu propio estudio. Na loita con darlle forma ás súas ideas na fundición segue, agora xunto ao seu fillo Antón.

E logo do de Nogueira de Ramuín xa viñeron outros concursos e encargas: gañou a convocatoria da Asociación de Libreiros Española e creou o grupo escultórico de homenaxe ao libro que está na Coruña. E despois foi cando lle encargaron a que está en Madrid: «Supoño que foi logo de ver a que había na Coruña. Aquilo xa era doutro xeito. Foi na época na que era alcalde o vello profesor -Tierno Galván- e alí sigue a escultura».

E xa non houbo quen o parase, xa que Buciños conta con obra pública por toda Galicia e cunha importante presenza no caso da cidade de Ourense.