Propoñen un programa de actividades para lembrar ao escritor Xosé Fernández Ferreiro

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

NOGUEIRA DE RAMUÍN

PILI PROL

Un roteiro literario, dar o nome do autor a un espazo do parador e un encontro anual centran as propostas

29 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor e xornalista Xosé Fernández Ferreiro (Espartedo, Nogueira de Ramuín, 1931 - A Coruña, 2015) mantivo de sempre unha especial relación e unha identificación co súa lugar de orixe e coa contorna da Ribeira Sacra. A pegada dos espazos vitais quedou reflectida no conxunto da súa obra e realidades como a dos afiadores -e a súa xerga, o barallete- eran un mundo polo que sempre tivo unha especial afección. Hai días que se cumpría o primeiro cabodano do seu pasamento e para manter viva a memoria e o legado de Pepe Ferreiro creouse un proxecto para pór en marcha varias iniciativas e actividades vencelladas á figura e á obra do autor. A proposta foi artellada polo escritor Francisco X. Fernández Naval e na mesma figuran actuacións como o de crear un itinerario literario, un roteiro, vencellado aos lugares que aparecen nas súas obras, nomear como Xosé Fernández Ferreiro o espazo cultural existente no parador de Santo Estevo de Ribas de Sil e organizar un encontro anual arredor da figura e da obra do escritor.

En relación á primera das accións lembra Fernández Naval na súa proposta que na obra de Pepe Ferreiro «atopamos boa parte da toponimia do Concello de Nogueira de Ramuín. Aceptou el o xeito singular de nomear a terra por parte dos devanceiros, incorporando esa xeografía á súa obra: Rubiacós, a Pedra do Sol, Corte Cadela, son algúns dos lugares nomeados con frecuencia» e esa circunstancia ofrece a oportunidade de vencellar a obra e a súa memoria ao territorio coa creación dun roteiro literario co seu nome. O itinerario tería o inicio en Espartedo e nos lugares relevantes do percorrido incorporaría un panel con fragmentos do autor referidos ao lugar.

Na celebración anual dun taller de narrativa proponse un encontro de fin de semana con actividades abertas ao público e outras para as persoas que se inscriban na actividade.

Convidado de prestixio

Ademais se afondar en aspectos concretos do corpus literario de Xosé Fernández Ferreiro e da súa figura, en cada edición contaríase coa participación dun escritor ou escritora «de prestixio internacional» que dialogaría co público inscrito no obradoiro «arredor de aspectos concretos da novela e do relato». Proponse no proxecto a opción de facer o taller de narrativa a finais de maio ou xuño -ou no remate de setembro-.