A Virxe da Aparecida

José Pérez Domínguez

MUÍÑOS

31 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte celebrouse a festa da Aparecida en Porqueirós. Eu coñezo tres santuarios con esta mesma advocación mariana: o santuario da Aparecida no Brasil, o santuario de Aparecida en Cantabria e o santuario da Aparecida en Porqueirós, no concello de Muíños. Non se poden comparar en universalidade nin en influencia eclesial, como a Aparecida do Brasil; non se poden comparar en creación artística nin en predicamento xeográfico, como a Aparecida de Cantabria; non se poden comparar en devoción e en amor filial, como a Aparecida de Porqueirós. Eu mamei dende pequeno a devoción a esta advocación mariana; collido da man dos meus pais ía cada ano a Aparecida e, con ollos de pequeno, sorprendíanme tantas cabalerías, todas elas atadas polo monte, rinchando unhas, orneando outras, e parecíame que estaban contentas de ter vido a festa da Virxe.

Dende Cualedro, Baltar, a Boullosa, Blancos, Calvos de Randín, Vilar e Vilariño, Randín, Touren e Pintoens de Xunhias, acudían os romeiros e xuntábanse cos da Baixa Limia no recuncho da Aparecida. Daquela había moitas ofrendas a Virxe.

A ermida, ben restaurada polo concello e mailo pobo, acolle agora os romeiros, que son menos en número, pero con fe e moita devoción a Naiciña do Ceo. No espiritual as persoas movémonos coma no temporal: imos ós médicos, ós comercios, onde nos parece que mellor nos atenden; tamén imos a Aparecida porque encontramos moita paz e tranquilidade interior. En verdade teño que dicirlles que no santuario da Virxe da Aparecida, humilde e escondido, faise realidade canto lles digo. ¡Boa festa neste ano xubilar de María en Ourense!