A Virxe do Viso

José Pérez Domínguez

MUÍÑOS

10 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O 12 de xuño, coincidindo ca solemnidade de Pentecostes, os devotos de Lobeira e de toda a Baixa Limia acompañan á Virxe en procesión, dende a parroquia de San Vicente ata o seu santuario, no monte do Viso. É a festa grande da Virxe. No mes de setembro virá o refestexo; e, como tódolos anos, será o día 8, coincidindo con outras moitas celebracións marianas. Eu non sei o que pasa no val do Limia; pero cando é festa no Viso ou na Clamadoira, os centros de referencia non poden ser outros: si buscas a alguén ou queres falar con algún a resposta é sinxela: «Ache estar no Viso, ache estar na Clamadoira»; e atinan sempre.

Xoaquín Lourenzo, etnógrafo, e José Pérez González, sacerdote, ámbolos dous xa finados, ca súa fidelidade e amor á Virxe do Viso, dannos exemplo de como por María chegamos a Xesucristo, o seu fillo ben querido, sen esquecer a saudade, que sentiron polo seu predio: «Quen me dera en Lobeira, quen en Lobeira me dera, quen me dera en Lobeira, Lobeiriña miña terra». Teño predicado na misa grande do Viso. Sempre que son convidado a facelo, procuro aceptar. ¿Saben por que? Pola miña nacenza en Muíños non podo negarme, non vaian a dicir que eu son da Virxe da Clamadoira e non fiel devoto da Virxe do Viso. Teño que confesarlles que lle rezo nas súas dúas advocacións con grande amor e devoción. Agora ben, nunca tanto como un debera e quixera. ¡Que a Virxe do Viso bendiga a todos os seus fieis devotos e, de ser posible, que non chova!