Lara da Silva: «A denominación de Monterrei ten infinidade de posibilidades de crecer no territorio»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

MONTERREI

Miguel Villar

A comarca vitícola aposta por primar a calidade e o prezo, fronte á cantidade

20 sep 2021 . Actualizado a las 09:50 h.

A denominación de orixe Monterrei é a máis nova das demarcacións vitícolas de Galicia. Un espazo pequeno, no que ao territorio amparado se refire, que conta cun grande potencial e que está chamado a xogar un papel destacado no futuro próximo entre as cinco denominacións de orixe galegas. As miradas están postas nesta D. O. que hai pouco celebraba o seu cuarto de século de historia e que se reivindica con cada vendima. A máis nova das denominacións galegas conta coa máis nova das persoas á fronte dun consello regulador do viño en Galicia, unha muller que pouco tempo tiña cando se creou a D. O. Monterrei, mais que sabe ben do que se fala porque o viviu dende cativa e sempre reivindica esa orixe. Lara da Silva Rodríguez (Vilardevós, 1989) suma moitos anos de viña e vendimas, como filla de viticultores, e lembra sempre que esa realidade hai que vivila para ter coñecemento de causa á hora de defender a un territorio do viño.

Chegou vostede sendo moza á presidencia da DO. Que a animou a dar o paso?

—Se alguén me preguntase hai catro anos diría que iso non entraba nas miñas previsións. Xa estaba a traballar do meu -é avogada- e daquela non tiña máis relación coa entidade que ser filla dun viticultor ou dun expresidente. O que si é verdade é que sempre estiven vencellada ao rural -crieime e vivo nel- e poderiamos dicir, como doutras cousas nesta vida, que foi froito da casualidade.

—Despois de catro anos que valoración fai?

—Vexo as cousas dende outro prisma e esta experiencia supuxo un importante crecemento no persoal. Cheguei con 26 anos, pode dicirse que crecín con esta denominación, e teño que recoñecer que nestes catro anos houbo moito traballo, responsabilidades, sacrificio e insomnio, mais diría que esa non foi a parte difícil senón a impotencia de ter que afrontar situacións sinxelas de resolver que non se fan, por erros do sistema, un sistema a todas luces afastado da realidade do rural. Destes anos destacaría o entusiasmo e apoio do sector.

—Monterrei está chamada a experimentar un crecemento acorde ás súas potencialidades. Como se desenvolve esa faceta?

—Estase facendo, pero a modiño, sen pausa que é como se deben facer as cousas importantes. Cando evolucionas de forma exponencial corres o risco de perder o obxectivo. E en Monterrei temos claro que ese non é o noso modelo.

—Comentou nalgunha ocasión que ampliar a D. O. era unha alternativa de futuro. Trabállese nese camiño?

—Non fai moito, estudamos a posibilidade de ampliar a nosa base territorial, mais chegamos á conclusión de que aínda nos territorios actualmente amparados pola D. O. existen moitas posibilidades de crecemento.

—Medio Rural estivo a localizar terras para recuperar superficie agraria, no caso de Monterrei foron 400 hectáreas. Será obxectivo preferente pór a producir esa superficie para medrar?

—Iso ten relación co comentado anteriormente. A nosa denominación ten aínda infinidade de posibilidades de crecemento -co territorio amparado que temos hoxe- e é importante, sobre todo, recuperar aquelas zonas que sempre estiveron de viña. Ese debe ser o verdadeiro obxectivo. Medrar en hectáreas pode ser importante, mais a chave non está na cantidade, senón na calidade e no prezo ao que consigas vendela.

—Hai anos dixo que primaban os brancos, pero que os tintos estaban chamados a medrar.

—Crecemos. É verdade que as pautas de elaboración aquí, como en todo, márcaas o mercado e a ninguén lle é alleo o boom nos últimos anos do godello. Pero opino que calquera consumidor de tinto quedará moi sorprendido da evolución de Monterrei nese tipo de viño, porque son francamente sorprendentes.

Unha criminóloga que monta a cabalo, sae ao monte e escribe

Lara da Silva Rodríguez apuntaba nunha reportaxe sobre a súa etapa escolar nas «monxas» de Verín que as súas preferencias estaban nos camiños da Lingua, Música, Química e Coñecemento do Medio. E rematou estudando Dereito e, despois, Criminoloxía. Compatibiliza a súa profesión co cargo de presidenta do Consello Regulador de Monterrei.

—Non semella que aquelas preferencias a levasen a onde rematou.

—Iso nos foi o peor. O Bacharelato, que estudei no IES Taboada Chivite, fíxeno por Ciencias da Saúde... coa súa Química, Matemáticas e Estatística. E despois, ao chegar á carreira, tiven que apurar todo o Latín que non dera. Sempre me gustou todo, aínda ás veces penso en seguir estudando. Tanto me repetiron de pequena aquilo de que «o saber non ocupa lugar» que o crin.

—Dereito en Ourense e Criminoloxía en Compostela.

—Ía estudar en Santiago, pero daquela -por cuestións persoais- facía máis falta preto da casa, así que optamos por Ourense. Vivín na residencia das Calasancias e tiven a oportunidade de coñecer ao mellor profesor de todos os tempos, Luis Rodríguez Ennes.

—E a Criminoloxía?

—Iso é moi sinxelo. Estudei todo o mal que podía facer a xente, e despois pensei: que nos levará a ser así? E alá fun, en busca das motivacións máis primarias (ri). En serio, ten moita parte de psicoloxía, socioloxía, de analizar e comprender, de conseguir entender ata o que non compartes. Como se pode ver, todo moi útil nos tempos que corren.

—Sinala que procede do sector e que leva moitas vendimas enriba, traballo que recomenda para coñecer a realidade. É de familia de viticultores ou teñen adega?

—Somos máis viticultores que adegueiros. Contamos cunhas 18-20 hectáreas produtivas nos concellos de Vilardevós, Verín, Monterrei e Oímbra. E dende logo que si, a quen lle guste o mundo do viño pasar por unha vendima non lle ven nada mal (ri).

—Compatibiliza o traballo de avogada coa presidencia do consello. Non é unha carga a maiores ter que atender as dúas facetas?

—Depende de como tomes as cousas de serias... son bastante aflixida, así que dende logo non podo contar as noites que acabo traballando, revisando, lendo...

—Entre o dereito e o viño quédalle tempo para afeccións?

—Adoro montar a cabalo e gozo moito dos paseos pola montaña ou os parques naturais, do teatro e da música. Son unha obsesionada dos cadernos, porque o que pouca xente sabe é que, as veces, ata escribo. Semellan novos comezos.

«O enoturismo é unha oportunidade para a D. O. e para a Ruta do viño de Monterrei»

A Denominación de Orixe Monterrei vai medrando de forma sostible nos últimos anos. Na actualidade están amparadas pola D. O. un total de 631 hectáreas, contando con 383 viticultores inscritos e 27 adegas en activo. Os viñedos acollidos están repartidos polos municipios de Castrelo do Val, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós.

—O pasado ano situouse a colleita nos 5,7 millóns de quilos de uva. Como se presenta neste 2021?

—Entendemos que os datos serán semellantes aos da campaña anterior e andaremos sobre os 5,5 millóns de quilos.

—Tense apuntado ao interese de adegas ou grupos de fóra por Monterrei. Iso axudaría a potenciar a denominación?

—Grandes grupos ou adegas poden abrirlle a Monterrei canles de promoción e comercialización aos que as adegas familiares non poden chegar. É obvio, pero non debemos perder de vista que se hoxe gozamos do que é a denominación foi grazas a quen na súa altura loitou polo seu recoñecemento e grazas a quen traballou e traballa por facelo posible.

—Hai una semana que se inauguraba un espazo enogastronómico na zona. O enoturismo é un dos factores chamados a dinamizar a comarca?

—Rotundamente si. Non é só unha oportunidade para a nosa D. O., senón tamén para a Ruta do viño de Monterrei e mesmo para toda a comarca. A estas alturas ninguén dubida do poder de atracción do enoturismo.

—Incide sempre na faceta exportadora. Ese é o camiño?

—Tanto o brexit, no seu momento álxido, como o covid-19 afectáronnos moi negativamente. Se ben é certo que seguimos loitando por manter o mercado aberto en países como Reino Unido, Alemaña e Holanda, onde mellor se comportan os nosos viños.