Licitadas as obras para mellorar o entorno da capela de San Miguel, en Vilaza

La Voz OURENSE

MONTERREI

MIGUEL VILLAR

A Consellería de Medio Ambiente quere poñer en valor esta zona do municipio de Monterrei

05 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de licitar por máis de 100.000 euros as obras de mellora e urbanización de varias rúas da contorna da capela de San Miguel en Vilaza, no Concello de Monterrei. Esta actuación, segundo fontes da administración autonómica, ten por obxecto homoxeneizar a zona e poñer en valor a contorna deste edificio. Na actualidade, existe unha discontinuidade do pavimento, o que é un exemplo de feísmo neste núcleo rural.

 Así, actuarase nas rúas Capela, Cova e Santa María, así como no tramo que vai dende a Cova ata a capela, para corrixir o pavimento dispar de formigón actual e definir un novo firme, adoptando unha solución similar á que se localiza na zona norte do núcleo de Vilaza, que servirá de referente co fin de dar unha imaxe de unidade.

As entidades interesadas en presentarse a este contrato de obra pública dispoñen ata o vindeiro 7 de abril para presentar a súa oferta, que terá un prazo de execución de tres meses.