«A feira do viño é riqueza para a terra»

lara deprada OURENSE

MONTERREI

Cedida

O evento máis importante do verán verinense comezará este venres co pregón do actor Rubén Riós na praza da Alameda da localidade

08 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Rubén Riós (Riós, 1980) é un coñecido artista da comarca de Verín que este ano conta coa responsabilidade de iniciar a Feira do Viño de Monterrei. Será o venres, a partir das 20.00 horas.

-A feira do viño é un dos acontecementos máis importantes de Verín, despois do entroido, e nesta ocasión é vostede o encargado de dar o pregón. Que implica isto a nivel profesional?

-Para min profesionalmente é un agasallo. Eu non me considero unha persoa con éxito, sinxelamente son un traballador que vai cumprindo obxectivos e entón que na túa terra te teñan en conta para un día tan especial cun protagonista tan especial como o viño pois considéroo como unha débeda que empezo a ter eu coa organización, por poñer esta confianza e este don na miña persoa. Isto supón un empuxón para dicir: «Rubén sigue, que estamos aí», ser profeta na terra de un é moi complicado e sobre todo coa situación que teño agora no meu concello que non é a mellor, xa que non creo en absoluto na xestión que se está facendo.

-E a nivel persoal?

-Verlle a cara aos meus pais e da miña familia cando lle dices que vas a dar aquí un pregón. Eu creo que a nivel persoal é un antes e un despois e sobre todo que chegue neste momento da miña vida. Vexoo como un abrazo rural próximo.

-Como reaccionou cando lle deron a noticia?

-Sorprendeume moito que viñera da forma que veu e ca forza que veu por parte de Lara. O máis sorprendente foi como me trasladou que eu debía ser o pregoeiro, porque confiaban en min para este posto.

-Tivo a oportunidade de levar a cabo outros pregóns con anterioridade?

-Si, tiven outros como o de comadres que me marcara moitísimo, pero este vai ser especialmente importante porque me chega cunha gran madurez, e nun momento da vida que o necesitaba, e ademais precisábao aquí. A min se hoxe me din que vou dar o pregón en calquera macrofesta dunha gran cidade non o cambiaría polo que vou a vivir, eu e máis os que me queren ben, en Verín o vindeiro día 9.

-Que considera importante resaltar neste pregón?

-Pois indagar un pouco no orgullo dunha terra que factura case 15 millóns de euros só de viño. Eu nesta feira traballei dende tódolos puntos de vista, detrás dun posto, tratando coa xente, ofrecéndolle produtos da nosa terra e entón pois teño un coñecemento moi íntegro do rural. Entón vou a falar sobre a muller galega, sobre o gandeiro e o recolector de aquí, sobre as cifras que obtén a denominación de orixe e sobre a importancia de situarnos no mapa.

-Que significa entón a nivel persoal para vostede a Feira do Viño de Monterrei?

-Eu considero que é riqueza, e cando os meus veciños teñen eu alégrome. Eu cando vexo riqueza na terra pois faime ilusión sobre todo cando vivo de moitos eventos durante o ano onde hai moita xente, entón cando ves ese aglutinamento na túa terra pois ves iso: riqueza. E ademais procede do campo, algo que se fai moi complicado hoxe en día.