Gaitas de todo o mundo en Monterrei

La Voz

MONTERREI

Alberte Paz Garza

Artistas de Galicia, Asturias, Escocia, Irán, India e Xapón estarán na Xuntanza Internacional

06 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Día 9 • Castelo de Monterrei • 12.00 e 19.00 horas • A Xuntanza Internacional de Gaiteiros volverá a reunir na fortaleza de Monterrei a gaiteiros de todo o mundo. Nesta trixésimo terceira edición poderanse escoitar a músicos de Galicia, Asturias, Escocia, Irán, India e Xapón. As actividades da cita anual foron presentadas onte nun acto celebrado na Deputación de Ourense no que participaron o vicepresidente da institución, Rosendo Luis Fernández, o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, o deputado de Cultura, Manuel Doval, e o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez. O gaiteiro Marco Foxo e as cantareiras Ana Belén Rodríguez e Cristina Pardo tamén participaron na presentación dunha cita na que se homenaxeará ao mestre gaiteiro e artesán Antón Varela «Tonecho».

 

A convocatoria deste ano estará adicada especialmente ás gaiteiras «polo cal actuarán destacadas instrumentistas como Brighde Chaimbeul, de Escocia, número un de Europa, ou The Snake Charmer, da India, considerada a gaiteira máis famosa do mundo», explicou Xosé Lois Foxo.

 

Mostra de instrumentos

Como novidade, nesta edición poderase visitar, no hospital do peregrino, unha exposición de gaitas antigas. Estará aberta ao público do 8 de xuño ao 11 de xullo.