Tai-chi

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

MONTERREI

27 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño épocas. Hai días de sol que me escurecen o adentro e algúns de néboa que, como bálsamo, adozan os meus días. Digo que caio e me levanto, ou ao revés. Que non ten que ver co tempo. Que baixei aos infernos e algunha vez, miles, toquei coa punta dos dedos a tila do ceo. Nas épocas grises intento recuperarme con presteza. Para tal fin probo todo tipo de extraordinarios remedios, das agullas da acupuntura ao kéfir, da inxesta de dous dentes diarios de allo á carreira continua acompañado de Tango e Dana (os meus cans melodiosos). Probei incluso as artes marciais. E todo ten o seu efecto. Non no meu corpo ou na mellora do estado anímico, senón nas burlas amistosas que espertan os meus hábitos. O peor trance paseino cando me aventurei na práctica do tai?chi. Créanme: resulta beneficioso. Eu saía do ximnasio co rostro feliz, congraciado co mundo e as súas circunstancias. Nas primeiras semanas non notei ningún cambio no proceder da miña cuadrilla. Incluso algún médico que me trata con paciencia infinita, o meu querido Javier Ochoa, recomendou que perseverase nesa técnica milenaria. ¿Cres que mellorarei, Javier? E Javi contestaba: «Lo dudo, pero mal no te hace», contestaba co seu limpo castellano de Navarra. Tiven que abandonar o tai?chi. E non porque me sentase mal, reitero. Foi un día de primavera. Cando o sol, como unha laranxa, aínda ardía trala cortina de Monterrei. Fun ao bar e alí estaban os amigos agardando por min. Movían os brazos lentamente. E as mans, como Raphael. Paco ata levantaba as pernas imitando os movementos das artes marciais. Ata aí aturei a burla. Pero cando escoitei que para dirixirse a min dicían Pequeño Saltamontes non puiden soportalo. Teño épocas.