«O PP ten unha aposta clara polas potencialidades desta provincia»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

MONTERREI

miguel villar< / span>

A exdelegada da Xunta en Ourense ve «moita demagoxia» nas críticas dos outros partidos á xestión de Feijoo

23 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A cabeza de lista do PP pola provincia para o 25-S non é unha descoñecida, por máis que sexa a primeira vez que lidere a aposta do seu partido para as autonómicas neste 2016. Marisol Díaz Mouteira ten figurado en moitas das candidaturas presentadas polo seu partido dende hai anos. Tivo que renunciar ao posto de delegada da Xunta na provincia para poder ser candidata. Xa exerceu como deputada en Compostela e foi responsable de Educación. Licenciada en Dereito e funcionaria da administración autonómica naceu en Alemania en 1967.

-Como se asume a nova faceta?

-Cunha enorme responsabilidade. É un reto e tamén unha gran responsabilidade. Vivo como unha honra e un orgullo que pensaran en mí para encabezar a lista, aínda que hai moitos homes e mulleres que, coma min, levan anos traballando no PP e poderían exercer perfectamente ese cometido.

-Remata a campaña. Cre que aínda se poden conseguir apoiospara o domingo?

-Hai que seguir traballando ata o último minuto, porque sempre queda algún sitio ao que chegar ou persoas ás que trasladar a nosa mensaxe. Que non é outra que dar a coñecer o traballo e as actuacións feitos ao longo destes anos, realidades que están aí, e os moitos proxectos e propostas que temos para os vindeiros catro anos.

-As actuacións son as que anunciou Feijoo en Montealegre?

-Esas e moitas máis que forman parte do noso compromiso con esta provincia: o centro interxeracional (con 80 prazas para maiores e 80 para nenos), o de discapacitados tan demandando, a conexión do polígono de San Cibrao coa A-52, a dotación das infraestruturas para a zona empresarial de As Coiñás, a estación intermodal -cuxo proxecto poidemos coñecer hai uns días-, a ampliación do CHUO e moitas outras propostas que van dende a reutilización de infraestrutras para os novos equipamentos -e tamén para deixar de pagar alugueres- ás obras de mellora que se acaban de acometer en 39 colexios da provincia neste verán.

-E un gran parque acuático.

-Temos unhas instalacións en Monterrei e imos potencialas cunha maior oferta e unha aposta clara para o ocio dos ourensáns. Só é unha das propostas; o noso programa é moitísimo máis ca iso.

-Por exemplo?

-Hai un compromiso e unha aposta clara polo termalismo, polas potencialidades e o sector primario da provincia, polos produtos autóctonos, por potenciar a investigación ou polo proxecto estrela en políticas sociais: das 30 casas-niño que se van crear en Galicia 17 estarán na provincia de Ourense, nunha aposta por potenciar o rural e xerar emprego.

-Vostede é filla da emigración. Ese é o futuro para os mozos ourensáns?

-A situación non é a mesma. Na actualidade hai xente que aproveita para ir traballar fóra, nalgúns casos para perfeccionar o idioma, aínda que o noso compromiso pasa por traballar para conseguir o retorno dese capital humano e do talento que marchou.

-A oposición incide sistematicamente nos recortes do PP?

-Iso é falso. Fíxose moito con pouco e houbo que optimizar os recursos. E hai moita demagoxia: co bipartito pecháronse 20 escolas por curso, iso é demostrable, e qudaron as facturas sen pagar.

-Contempla estar na oposición logo do 25-S?

-Non. Se estou exercerei o meu traballo con total responsabilidade, aínda que como sempre di Feijoo nós temos un goberno para empezar a traballar o día 26 e en frente non hai nada.

«A conexión do polígono de San Cibrao coa A-52 e a estación intermodal son prioritarias»

«O compromiso pasa por traballar para conseguir o retorno dos mozos

e o talento»