Sobrevivente en Mauthausen e na memoria de Estevesiños

m. RODRÍGUEZ OURENSE

MONTERREI

CEDIDA

Os actos en lembranza de Joaquín Balboa, que estivo preso catro anos nos campos nazis, concluíron na súa aldea

07 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante catro largos anos, Joaquín Balboa (Estevesiños, Monterrei, 1908-1994) sobreviviu a unha das peores experiencias que puido ter un ser humano, o internamento nun campo de concentración nazi na Segunda Guerra Mundial. Barbeiro de profesión, como tal actuou no campo de Mauthausen mentres estivo recluído. Alí estaba identificado como o preso 3.833, cun triángulo azul que marcaba aos apátridas.

Chegara alí capturado, como outros sete mil españois, logo de ter que fuxir a Francia cando o bando republicano perdeu a Guerra Civil española, trala conquista de Cataluña polas tropas franquistas. Balboa, quen residía en Barcelona coa muller e o fillo logo de emigrar desde a súa aldea natal de Estevesiños (Monterrei), enrolárase como carabineiro das tropas mixtas do exército republicano. Antes da guerra, xa traballara como perruqueiro, un oficio que lle permitiría máis adiante esquivar tarefas máis penosas no campo de concentración. Xa sufrira penurias como refuxiado en Francia e estivo preso baixo o xugo nazi entre 1941 e 1945. Entre medias, en 1943, foi trasladado de Mauthausen ao subcampo de Sankt Lambrecht, ata que todos foron liberados. Pese a fin da guerra en Europa, Joaquín Balboa non regresou a España ata 1949, logo de vivir outros anos en Francia de novo como apátrida.

As vivencias deste veciño de Estevesiños, recompiladas por Heladio Anxo -vogal da asociación cultural Monterrei, cultura e territorio- que organizou esta semana unhas xornadas de homenaxe a Joaquín Balboa en Verín. Un texto lido pola alumna Ana García Novoa, as palabras de Concha Díaz -delegada en Madrid de Amical de Mauthausen, colectivo que agrupa aos deportados nos campos nazis- serviron para recordara figura de Joaquín Balboa e dos milleiros coma el que sufriron igual ou peor sorte. O alcalde de Monterrei entregoulle aos familiares do veciño de Estevesiños o título de fillo predilecto do Concello, un honor aprobado pola corporación de Monterrei a título póstumo, e colocouse unha coroa coas cores da bandeira republicana diante do monólito que recordará a súa memoria.

Este acto, co que culminou a semana dedicada a Joaquín Balboa, contou coa presenza de arredor dun cento de persoas, moitas vinculadas a reivindicación da memoria histórica -explicou Heladio Anxo, organizador da homenaxe- ademais dos familiares e representantes institucionais.

Agora os veciños de Monterrei xa teñen un referente histórico e físico para saber que houbo un sobrevivente dos campos de exterminio nazis e ter máis presente a súa loita.