Trinta anos cos mellores gaiteiros

La Voz

MONTERREI

A Xunta Internacional da Escola da Deputación celebrará un concerto de aniversario

21 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xuntanza Internacional de Gaiteiros celebraba o pasado día 13 os seus trinta anos de historia. Unha festa que tiña á fortaleza de Monterrei por escenario, como acontece dende hai tempo, e na que se xuntaban artistas de toda Galicia, Grecia, Italia e Bielorrusia. O certame que se ten convertido nun dos encontros máis importantes do mundo da gaita tivo a súa orixe nun primeiro encontro celebrado nas Festas da Ponte, en Ourense, e antes na creación da Escola Provincial de Gaitas da Deputación.

A escola encetou a súa actividade no curso 1985-1986, baixo a dirección de Xosé Lois Foxo e por iniciativa da corporación que presidía Victorino Núñez Rodríguez. Dende o centro apostouse por potenciar o ensino da gaita con base no pentagrama e levar esta iniciativa pola práctica totalidade dos concellos da provincia. Dentro das actividades paralelas que se foron promovendo, celebrouse o 24 de xullo de 1986 a Xuntanza de Gaiteiros do País. En 1989, na edición celebrada en Valdeorras, pasaría a ter dimensión internacional e ao longo destes anos levan pasado polos festivais artistas de 62 países de África, Asia, Europa e América. Esta faceta permitiu ao director da escola o da Xuntaza, Xosé Lois Foxo, manter contactos con gaiteiros e artesáns de todo o mundo e ir creando o Museo Internacional da Cornamusa.

Ao longo de todos estes anos levan pasado polo certame gaiteiros históricos e novos valores galegos, hoxe xa consagrados, como Emilio Corral, Portela, Nazario González Moxenas, Carlos Núñez, Cristina Pato, Hevia ou Edelmiro Fernández. E de renome internacional como Petko Stefanov, Michael Murphy, Jean Pierre Van Hees oe Katherin Tickel, entre outros. A Real Banda de Gaitas conmemorará os trinta anos da Xuntanza cun concerto nas Festas da Ponte deste ano.