Os Premios da Cultura reivindican a creación e o legado da Ribeira Sacra

O mosteiro de Montederramo acolleu a primeira entrega feita fóra de Compostela 


Ourense / La Voz

Nin o frío, que se converteu nun dos verdadeiros protagonistas da xornada, foi quen de estragar a celebración da creación cultural galega e as arelas reivindicativas. O mosteiro ourensán de Montederramo acolleu a primeira gala dos Premios da Cultura Galega organizada fóra de Compostela, e o protagonismo foi para as persoas e colectivos recoñecidos coa escultura de Acisclo Novo creada para a ocasión. Ramón Villares (Proxección exterior), Antón Santamarina (Lingua), o Festival de Cans (Audiovisual), A Roda (Música), O Sorriso de Daniel (Patrimonio cultural), o FIOT, Festival de Outono de Teatro de Carballo (Artes escénicas), Xosé María Álvarez Cáccamo (Letras) e Luz Darriba (Artes plásticas) foron os galardoados na convocatoria do 2018.

Ramón Villares asumiu a distinción como un recoñecemento á tarefa colectiva feita dende as institucións, no seu caso dende o Consello da Cultura Galega durante os últimos doce anos, e sinalou que se estaba a premiar unha idea e un compromiso: «O de estar en contacto con outras culturas, porque a humanidade é unha suma de culturas, e a promoción da galega axuda a conectar o que se fai dentro co que se fai fóra». E esa circunstancia, dixo, é unha fonte inesgotable para dinamizar e arrequecer a propia, «e permítenos ser nós e, ao mesmo tempo, os demais». Antón Santamarina, pola súa banda, lembrou a realidade dos anos 60, cando a bibliografía sobre o galego collía nunha páxina e non tiña o recoñecemento que merecía, e o traballo desenvolvido nestes anos.

Dende Cans e Carballo reivindicaron o compromiso coa cultura nas áreas rurais, o medio ambiente e o traballo interxeracional (Alfonso Pato) e a aposta por un soño e por facer dun lugar periférico, no que respecta aos circuítos teatrais, unha das capitais escénicas de Galicia e referencia no Estado (FIOT). Antonio Diéter (O Sorriso de Daniel) agradeceu o recoñecemento ao traballo desenvolvido polo colectivo e, dende a gratitude e a discrepancia, reivindicou a inclusión no BIC da Ribeira Sacra de medio cento de espazos patrimoniais que O Sorriso considera que deben formar parte da declaración. Xosé María Álvarez Cáccamo -Feijoo tivo unha lembranza especial no discurso para o que foi profesor seu no instituto- chamou aos creadores a estaren alerta e defender os sinais de identidade, e Luz Darriba rematou o seu discurso rexo e forte: «Medre a arte, medre a vida e que haxa unha cultura igualitaria e xusta!». Os músicos de A Roda enxalzaron o legado da música galega.

O conselleiro de Cultura e o presidente da Xunta repasaron os feitos culturais salientables do 2018 e coincidiron en sinalar a declaración de BIC para a Ribeira Sacra como un acordo histórico. Feijoo dixo que antes de que os galegos tivesen unha cidadanía política «tiñan xa unha cidadanía cultural que fixo deles un gran pobo», e apostou por unha cultura «firmemente arraigada na terra e tecedora de fíos entre as persoas e os pobos».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Os Premios da Cultura reivindican a creación e o legado da Ribeira Sacra