Documentos que demostran que os monxes de San Vicente tiñan posesións na zona

La Voz

MONTEDERRAMO

01 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda que é posible que as adegas de Vilachá -ou unha parte de elas- pertencesen orixinariamente ao mosteiro de Montederramo, o que é seguro é que o convento de San Vicente do Pino de Monforte tamén posuíu algunha construción deste tipo na parroquia. César Carnero, actual delegado de patrimonio histórico da diocese e antigo párroco de San Vicente, localizou hai tempo algúns documentos que demostran esta relación.

A documentación que encontrou Carnero consérvase no Archivo Histórico Nacional de Madrid e data do século XVIII. «Trátase dunhas referencias a certos arranxos que houbo que facer daquela nunha adega que tiña o mosteiro en Vilachá, pero a información que conteñen eses papeis é moi escasa e non permite saber se esa adega formaba parte do conxunto que se conserva na actualidade», precisa. «Iso é algo que non se pode afirmar con seguridade, pero cabe dentro do posible», agrega. A mesma documentación indica que o mosteiro monfortino tamén contaba por entón cunha adega na parroquia de Ribas Altas.

Un recurso importante

A comunidade benedictina de San Vicente do Pino posuía nesa época importantes conxuntos de viñedos que constituían unha das súas principais fontes de ingresos, apunta Carneiro por outra parte. Pero o viño non foi nin moito menos o único recurso económico de que dispuña o mosteiro de Monforte, que se contou durante séculos entre os máis poderosos de Galicia. A documentación histórica fala tamén de muíños e de pesqueiras no río Cabe, entre outras posesións que proporcionaban importantes rendas.