O Rei de Covelo cambiou o monte polo centro social

Os veciños de Melón celebraron o seu entroido enxebre no pobo polo mal tempo do día grande da festa


ourense / la voz

O Rei de Covelo botou man da súa autoridade para tentar mudar unha situación que non lle acae á festa enxebre deste pobo do municipio de Melón. E a súa proposta, a xeito co espíritu da data do martes festivo, non podía ser mellor escollida: «Para o ano haberá que rezarlle ao Santo Entroido, para ver se desta volta podemos celebrar a festa como se merece, que xa é o segundo ano que non podemos saír pola chuvia».

Subir á serra dende a N-120 fai que o pensamento volva sen remedio ao pasado mes de outubro. O pobo, ancorado na cima do monte, semella este ano a distorsión dunha realidade escura e ferinte. Todo o que se ve -ao pé da estrada, ao lonxe, na cima, no val- podería pasar por unha paraxe volcánica: os incendios do pasado outono pegaron lume en todo canto había e só as árbores xunto ao río firen un escenario cheo de negrura e regatos de auga que baixan da serra. Á esquerda anacos de amarelo que remiten á palla que se foi espallando polo monte para tentar que as chuvias non se leven a capa vexetal.

Do velatorio ao centro veciñal

Na cima a auga peta forte, e o vento enchoupa e deixa na categoría de elemento decorativo aos paraguas. Mal tempo, pior que malo. O Rei de Covelo tampouco subirá este ano de a cabalo ao Couto, o mesmo que o carro de vacas que leva ao Entroido e á Entroida na comitiva na que os dous bandos teñen un obxectivo: defender ao personaxe central do entroido, os fieis, e tirarlle a coroa e destronalo, os contrarios. E a grande males, grandes remedios. O velorio A Redonda está fronte ao o centro social; no primeiro vístense os participantes do entroido e no segundo xa está preparado o carro cos protagonistas e as aportacións veciñais para a festa.

Logo de sacar a libreta e botar contas de como foron as quendas dos pasados anos, O Rei e a súa comitiva entra nun centro ateigado de veciños e animado pola música dos gaiteiros. Manda calar e pregunta varias veces: «Veciños, queredes que viva ou que morra o entroido?». Queda claro que hai quen discrepa cando unha muller se arrepón: «Isto non é entroido nen é nada. Non hai homes. Cando foi meu fillo subiu a monte e aínda ía pior tempo do que vai hoxe»... «E ao baixar xa se tivo que meter na cama», retruca o actual Rei de Covelo. E a festa gaña ao mal tempo. Noméanse aos integrantes da comitiva, aos maiordomos que serán os encargados de organizar o entroido no 2019, O Rei baila protexido polos seus ao tempo que os inimigos lle tiran a coroa. E logo sube á mesa para a poxa dos produtos doados.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O Rei de Covelo cambiou o monte polo centro social