Tras unha vida apaixonada pola cosmética artesanal lanza a súa propia marca dende un laboratorio en Maside
MASIDE
María Luis Rodríguez aprendeu hai 30 anos a facer xabón ca bisavoa dos seus fillos e hai dous que se animou a rexistrar De Lú
23 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.María Luisa Rodríguez descubriu a «maxia» da cosmética hai máis de trinta anos. «Ensinoume a bisavoa dos meus fillos, acompañábaa mentres facía xabón e case que me obrigaba a facelo tamén eu, pareceume absolutamente alucinante», lembra. Pasaron moitos anos ata que esta ourensá decidiu formarse e aprender a formular. Este proceso seguiu avanzando ata crear o seu laboratorio en Maside e rexistrar a súa propia marca hai dous anos: De Lú, cosmética con ritmo rural.
A artesá de 57 anos compaxina a elaboración destes produtos co seu traballo e tamén, dende hai unhas semanas, é unha das socias que atende no Colmado de Sabores de Ribadavia. Fabrica aceites, desodorizantes, xabóns e champús sólidos. Todos eses artigos teñen detrás unha formulación creada por ela. Tras pasar moito tempo fabricando de xeito afeccionado, hai dez anos que empezou a experimentar nas súas propias receitas, incluíndo principios activos. Principalmente traballa sen auga, co maior número de produtos de proximidade que pode: aceite ourensán, arxila de Vimianzo, plantas mercadas en Galicia, produtos ecolóxicos cultivados... «Hai outros elementos que aquí non hai, como o aceite de coco, pero coñezo todos os compoñentes que uso», explica. O desodorizante non ten nin alcohol, nin aluminio, nin bicarbonato e o aceite facial está testado dermatolóxicamente, especialmente indicado para peles sensibles. Un dos xabóns especiais para este tipo de pel, que non dá reacción nin alerxia, é unha honra a súa mestra: Nonita.
A ourensá apunta que o principal beneficio da cosmética artesá, sobre todo da sólida, é que son produtos concentrados e que non caducan. Ademais, coñécese á persoa que o fai. «Podes falar con ela, é accesible», engade. Ao traballar en lotes máis pequenos, que practicamente non teñen envases e producen sen excesos, é un artigo máis fresco. María encárgase de todo o proceso, xa que ten laboratorio propio homologado, algo co que non poden contar todos os artesáns, en parte polos custes e a loxística, xa que é complicado vivir só da cosmética. «Para min non había a opción de que outra empresa fixera os meus produtos», asegura. Na propia comarca do Carballiño hai outros dous e en Ourense, máis. A emprendedora defende o «gran potencial» da cosmética galega, un sector aínda descoñecido.