«Axudar a que non arda o monte ou as casas sempre é unha satisfacción»

Marina Gómez Borja, veciña de Dacón, forma parte do escaso 9 % de mulleres vencelladas á construcción


ourense / la voz

Celebraba a Deputación de Ourense o Día Internacional da Muller e facíao cun encontro no Centro Cultural Marcos Valcárcel coordinado pola deputada provincial Teresa Cerdeira. Catro ponentes, catro exemplos de mulleres nos seus respectivos ámbitos laborais e entre elas Marina Gómez Borja. Xitana da Aldea de Arriba -ou Campo de San Antonio- de Dacón (Maside) e unha das poucas mulleres vencelladas ao sector da construcción e do metal -representan o 9 % do total segundo a Fundación Laboral da Construcción-. Marxinada por partida dobre dende que empezou a alentar, por muller e por non ter pai xitano, Marina Gómez Borja leva 31 anos loitando contra a vida: ten tres fillos -de 11, 10 e 9 anos- aos que houbo un tempo que tivo que sacar adiante soa e o día 15 volveu ao paro. Traballou no sector naval cunha contrata da firma do metal na que estaba empregada, o seu último cometido estivo vencellado á creación dunha estrutura metálica que encargou Estrella Galicia á unha empresa do Grupo Dizmar -ubicada no parque empresarial do Carballiño- e adoece por volver ás brigadas contra o lume. Dos traballos que leva feito é o que máis lle acae.

E todo comezou coa súa participación nun curso de inclusión social que se impartía no Carballiño baixo a organización do Consorcio de Servizos Sociais da Xunta. Ao estudar a demanda existente na comarca, detectouse que había necesidade de man de obra no sector do metal, e Marina Gómez foi unha das persoas que participou na iniciativa para fomar a pintores e chorreadores. «Foi a primeira en entrar, de cabeza. Antes de pechar o curso xa estaba contratada», lembra Teresa Cerdeira.

Do naval ao monte

Nun dos seus encargos rematou metida nun barco. «Había que reparar un atuneiro, que estaba no porto de Vigo, e tivemos que arranxar as zonas que estaban deterioradas, lixalo, darlle o chorro e logo pintar. O que se fai neses casos», sinala. Na súa última tempada no metal andivo a traballar nunhas pasarelas encargadas por Estrella Galicia: «Tes que pintar, darlle os retoques que sexa necesario para que as pezas queden perfectas e lixar». Entre a nave e o monte prefire saír a loitar coas lapas.

Entrou nas brigadas de casualidade. Cobraba unha Risga «e daquela colléronme como peón de obras públicas e logo apunteime nas brigadas de incendios. Estiven nas da Mancomunidade do Carballiño e na do Concello de Maside. Góstame ese traballo, síntome máis libre e axudar a que non arda o monte ou as casas sempre é unha satisfacción. É máis agradecido», sinala. E, segundo ela, menos arriscado. Por Covelo, Carballeda de Avia, Boborás, O Irixo e outros lugares tocoulle atallar o lume nestes anos.

Mentras agarda para ver se ten sorte e lle sae algún traballo, Marina Gómez confesa que tamén se formou como auxiliar de axuda a domicilio mais iso non vai con ela. E non por fachenda, que o seu desexo por riba de calquera outro é non estar parada, senón por sentimento. «Estás coa xente, vas á súa casa, axúdalos no que sexa. E cóllelles cariño, e logo cando non están é moi duro».

Da súa experiencia laboral non garda malos recordos. Recoñece que «como es xitana ao principio mírante raro, pero non podes pararte niso. Eu fago o meu traballo e iso é o que conta».

Máis oportunidades

Si apunta ao modelo como a orixe do problema. «A maioría das empresas está pensadas para os homes. Ese é o problema. Se as crearan para homes e para mulleres estaría todo mellor organizado en canto ás necesidades de ambos colectivos no seu posto de traballo», apunta. Concilia como pode -«o inverno, coa escola, é máis fácil»- e aínda recoñecendo que non é doado o acceso ao mercado laboral teno claro: «Se lle desen oportunidades habería moitas máis xitanas traballando e non sería algo puntual».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Axudar a que non arda o monte ou as casas sempre é unha satisfacción»