Hai moitos xeitos de gañarse a vida

Manuel Pedrosa FIRMA INVITADA

MANZANEDA

xoan a. soler

13 abr 2021 . Actualizado a las 00:24 h.

Hai moitos xeitos de gañarse a vida, de relacionarse coa contorna. Algúns afastados do medio natural e outros con fondas raíces na terra. Oficios ancestrais que desaparecen no inmediato do presente.

Esta é a realidade nas serras do denominado Macizo Central Ourensán. Onde apenas oito pastores continúan subindo a res ós pastos de montaña. Entre xuño e outubro aínda pasan a noite nos curros dos montes de Manzaneda e Vilariño de Conso, e manteñen vivas as historias de lobos e pallotas de queiruga agostina, os caxatos, as regatas, as cornas... e tantas outras verbas que rematarán esquecidas en dicionarios ou en estudos etnográficos que garden a memoria e a identidade dun pobo.

Hai 50 anos, había máis de trinta mil cabezas de res nestas serras. En cada aldea contratábase un pastor para ter conta do rabaño, e ós veciños tocáballes facer de costeiro ou axudante do pastor segundo o número de cabras e ovellas que aportaran ao conxunto. Un sistema de veceiras no que a rotación do traballo permitía gañar tempo en beneficio común dos habitantes das aldeas. Unha convivencia cooperativa e comunitaria acosada hoxe en día polo individualismo tecnolóxico.

Poida que sexa inevitable que o pastoreo tradicional acabe desaparecendo, coma desapareceu xa en tantas outras montañas de Europa. Coma na rexión dos Abruzzos, do centro de Italia, ou nas Montañas Ródopes, de Bulgaria, ou na transhumancia de Extremadura á Cordillera Cantábrica atravesando por Cañadas Reais.

Un cambio que permitiu a rexeneración natural da vexetación, o aumento das poboacións de herbívoros salvaxes e dos predadores que as regulan, coma os lobos. Un reaxuste natural para recuperar o inestable equilibrio nos ecosistemas de montaña e abrir a porta a un novo modelo de desenvolvemento. Un equilibrio no que o baleiro deixado pola extinción do pastoreo non debera encherse exclusivamente de maquinaria para a extinción de grandes incendios.

Pero estamos a tempo de valorar e recuperar o saber ancestral do pastoreo tradicional. Patrimonio etnográfico vivo que fala da íntima relación entre corzos, lobos, pastores e lume. Unha derradeira oportunidade para conservar paisaxes naturais e culturais sen xogar todas as cartas a estériles políticas de extinción. Porque hai moitos xeitos de gañarse a vida e de relacionarse coa contorna.

Manuel Pedrosa Sánchez é biólogo e o director do documental «Entre pastores e lobos».