Fóiselles o tempo...

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

MANZANEDA

06 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Atodos nos ten pasado. Tes moitas cousas que facer, ás veces dáche pereza e vas deixando algunhas que non che apetecen moito... E un día por outro, queda todo sen facer. Ata que toca e veste apurado, e a todo trapo poste porque non queda outra. Porque xa somos adultos e non cola iso de «o can comeume os deberes». Así que hai que facelos, ben ou mal. Ten que ser iso o que lle pasou á Deputación e á Xunta con Meisa. Que un día por outro foron adiando a decisión de ver que facían coa estación de esquí de Cabeza de Manzaneda... e chegou o can e papoulle os deberes. E iso que tampouco é que tiveran que xestionar un cento de estacións. Que va! Se en Galicia só hai unha. Terían moitas cousas máis importantes que facer que pensar en ter todo listo para cando tiña que ter empezado a temporada. Porque, quen podía imaxinar que igual nevaba na estación de montaña no inverno? Tamén foi mala sorte. Por iso ás dúas administracións que se reparten o consello de administración lles pareceu ben agardar ao 31 de decembro para cambiar de contrato. Así, no medio do choio, cambio. No medio da nada, máis ben, porque desde marzo a estación está pechada. No ano en que a xente busca turismo pouco masificado e ao aire libre, ¿como pensar que igual tiña tirón a neve? E máis coas tremendas nevadas coas que estrearon este 2021 da esperanza, da esperanza de que a vacina nos empece a libras do virus -que iso é o máis importante-, e de que Manzaneda bote a andar de novo. Que o cambio de xestión sexa para ben (tampouco fai falta esmerarse moito). ¡Que sexa para moito mellor!