Cadeiras con patente ourensá no Gaiás

A Cidade da Cultura de Galicia propón nunha exposición un percorrido pola presenza da madeira na sociedade galega


Ata o 5 de novembro • Cidade da Cultura de Galicia • De 10.00 a 20.00 horas • Visitas guiadas: de martes a venres ás 17.30 horas. Os sábados, domingos e festivos ás 12.30 e 17.30 horas • Gratis • Comisariada polo arquitecto Carlos Seoane, a Cidade da Cultura de Galicia ofrece a mostra «Da árbore á cadeira», un proxecto que se centra nun material que forma parte do ADN da sociedade e da vida dos galegos e que fai un percorrido que vai «da madeira ao mobiliario doméstico».

 

Organizada en varios apartados, en dúas plantas do Gaiás, o percorrido da mostra comeza cunha sección na que se incide na importancia dos bosques galegos, a súa tipoloxía e riqueza, e as súas ameazas. O mobiliario da exposición está creado integramente a base de madeira e neste apartado inclúense, xunto aos vídeos que se proxectan e os grandes troncos de castiñeiros e outras árbores centenarias procedentes da Finca Galea (Alfoz) ou a colección de troncos de Xaquín Lorenzo, imaxes de fotógrafos como Manuel Vilariño, Vari Caramés, José Caruncho, Juan de la Sota e Juan Rodríguez e obras de pintores galegos de diferentes etapas.

Na primeira sección as imaxes de José Caruncho recollen árbores senlleiras da provincia de Ourense, como a carballa da Rocha (Rairiz de Veiga) ou o rebolo do Pazo da Pena e o castiñeiro de Pumbariños (Manzaneda), e na galería de arte figura un cadro do pintor ourensán Virxilio. Na colección están representados dende Colmeiro a Lugrís ou Castelao, pasando por novos creadores como Pamen Pereira ou Jorge Perianes.

 

Asento do Papa

A segunda parte da mostra «Da árbore á cadeira» céntrase na madeira como produto, como elemento imprescindíbel para entender a creatividade galega. O bloque do deseño do moble contemporáneo reserva un espazo destacado para os pioneiros no sector en Galicia: Xosé Bar Bóo, Alejandro e Jesús de la Sota e Isaac Díaz Pardo. Xunto a eles figuran propostas de arquitectos e deseñadores galegos contemporáneos. Nesta sección figuran pezas como a cadeira creada por Iago Seara para a visita do papa Juan Pablo II a Compostela, a proposta que Alfredo Freixedo e Pedro Diéguez fixeron no seu día para o Café Latino -e que o estudio de arquitectura ourensá comercializa dende aquela-, una proposta de Fernando Blanco e o banco que Manuel Gallego Jorreto deseñou, a base de pedra e madeira de eucalipto, para o mobiliario urbano da cidade de Vilagarcía de Arousa.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Cadeiras con patente ourensá no Gaiás