Maceda honra a figura de Francisco Carballo, «o home que puido ser bispo e preferiu ser patriota galego»

La Voz OURENSE

MACEDA

Un dos actos de homenaxe celebrados en Maceda.
Un dos actos de homenaxe celebrados en Maceda. ALEJANDRO CAMBA

Charlas, homenaxes e unha comida de confraternidade recordaron ao macedao logo de nove anos do seu falecemento

31 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Maceda terminou o ano 2023 honrando a figura de Francisco Carballo, falecido no ano 2014. As actividades comezaron cunha concentración na cafetería do Cesáreo, histórico lugar de encontro do «home que puido ser bispo e preferiu ser patriota galego», como di o cartaz que anunciaba os actos de homenaxe.

Despois, na praza que leva o seu nome fíxose unha «vindicación» do seu legado coa lectura dun singular texto da súa autoría coa intervención do investigador Santiago Prol. E, para continuar, organizouse unha colocación de cartaces na súa memoria na biblioteca pública bautizada tamén co nome de Francisco Carballo, un acto que contou coa participación de Bieito Seara, exalcalde de Maceda.

Finalmente, antes dunha comida de confraternidade, celebrouse unha mesa redonda sobre a figura de Carballo coa intervención de Luís Alfonso Vázquez, médico, Antón Gómez, teólogo, e Xulio Gómez Rodríguez, docente, que foron presentados por Celso Sánchez, tenente alcalde de Maceda e concelleiro de Cultura.