O andazo de 1918 en Maceda


Coñeceuse como Gripe Española de 1918, por mor da liberdade de prensa eiquí, cunha Europa sumida na Gran Guerra e as conseguintes fake news dos belixerantes. Aquela pandemia fora superada por macedáns sobranceiros: o -futuro- cardeal Quiroga Palacios, o dirixente comunista Benigno Álvarez, o poeta Xosé Lois Parente, o líder guerrilleiro Gómez Gayoso, o presbítero ilustrado Manuel Vidal, o político Aureliano Ferreiro, o xurisconsulto Matías Bobillo... Outrosí por boa parte da xente do concello que daquela sobordaba os 5.000 habitantes, e que se esforzou por estar á altura, nun contexto de medo, incerteza, confusión, información deficiente e directrices imprecisas sobre «a epidemia reinante». Así a denominaban os medios de comunicación, que ademais eran escasos: prensa escrita, telegrafía, misivas e pouco máis. As persoas que lograron saír indemnes procuraron illamento, hixienización de espazos, protección con máscaras, distanciamento social, mesmo evitando festas, cafés e bares até que escampou. Publicáranse bandos en concellos rurais para librarse daquela gripe con suxestións profilácticas. Suprimíranse temporalmente feiras, mercados, visitas a cemiterios, campás tocando a morto... O alcalde de Maceda, no cumio da pandemia [outono de 1918], era o veterinario e ferrador Demetrio Álvarez [1913-1920]. Outrosí exercía a medicina na vila o doutor Bermúdez, que tivera que implicarse a fondo. O sacerdote don Manuel Estévez e o capelán don Santiago, arriscaran a súa integridade ao darlle alento aos doentes, na extrema unción dos terminais e nos actos funerarios e de sepultura. Entre as medidas de salubridade vulgarizadas aconsellaban: quedar na casa con síntomas; non cuspir na rúa; o augardente e o tabaco non mitigaban a doenza; enxaugar boca e nariz cunha disolución de auga boricada ao 4 % antes e despois de comer; abrigar gorxa e peito para evitar arrefriados; cambiar a roupa interior cada semana; lavar a cara con auga fervida todos os días; aos primeiros indicios: quentura, calafríos, dor de cabeza, pernas e brazos, provocar suor e poñer roupa seca; ao día seguinte tomar un depurativo de 45 gramos de aceite de ricino, con 50 centígramos de calomel [cloruro de mercurio]; non inxerir alimentos en malas condicións; obviar o viño novo; sanear con solucións de zotal, sulfato de cobre, cal viva, ou queimando xofre en vivendas, cortellos do gando, galiñeiros, canceiras e pozos negros, outrosí nas cociñas das casas; desocupar os espazos infectados; ventilar habitacións e deixar entrar o sol.

Fecháranse provisoriamente escolas, estafeta de Correos, estación de Telégrafos... Morrera bastante xente na vila e nas aldeas de Maceda que, daquela, estaban atestadas de paisanos. Afectara a rapaces, mozos, adultos e vellos. Incluso se contaxiaran cans e gatos. En concellos ourensáns con demografía similar ao de Maceda, houbo máis de 1.500 persoas con influenza. Porén, descoñécese o número real de decesos. Na provincia morreran unhas 145 persoas por cada 10.000 habitantes por problemas respiratorios, entre outono de 1918 e a primavera de 1919, consonte solventes achegas do psiquiatra e investigador David Simón Lorda, polo que non sería aventurado aproximar que en Maceda puideron finar máis de 70 persoas por mor daquel andazo.

A sanidade naquela altura era manifestamente mellorábel. Non había cobertura universal. Os médicos rurais, os boticarios, os practicantes, os veterinarios e a cordura da cidadanía, axudaron a mitigar os estragos daquela aterradora pandemia.

No mundo infectouse un terzo da poboación. Morreran entre 50 e 100 millóns de persoas. A produción industrial minguou un dezaoito por cen a escala estatal por mor do andazo, aínda que a España neutral fixera «caixa» coa Gran Guerra, que rematara o 11 de novembro daquel 1918. A historia non se repite, pero amosa ciclos que poden asemellarse.

Santiago Prol é investigador

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
33 votos
Tags
Comentarios

O andazo de 1918 en Maceda