Óscar Pazos: «A minaría marcou o inicio de Gallaecia e a súa historia»

m. rodríguez

MACEDA

CEDIDA

O xeólogo divulga hoxe en Maceda como era a mina de ouro do monte Medo, unha das máis grandes da Galicia romana

13 sep 2019 . Actualizado a las 15:10 h.

Óscar Pazos (Vigo, 1967), xeólogo, está a investigar nos últimos meses as minas que os romanos explotaron na zona de Maceda, complementando o traballo recollido no libro que hoxe presenta (19.30 horas, salón de plenos do Concello de Maceda): «A invención da Gallaecia e a minaría do ouro. Unha tese sobre as orixes de Galicia».

-O libro é un traballo recente?

-O libro é do 2018 pero sigo coa investigación. Do que vou falar hoxe é das minas do monte Medo e da súa relación co ciclo mineiro do ouro. En Maceda empecei a traballar hai uns meses e darei un avance dos resultados que presentarei nun congreso.

-Que atopou en Maceda?

-A parte da gran mina do monte Medo, que xa se coñecía e estaba estudada por fotos aéreas, atopei 18 explotacións ao pé do Rodicio. Engadín un estudo de campo con novas conclusións e interpretación da minaría.

-Como son estas minas?

-Ademais do tamaño -das máis grandes de Galicia- esta mina destaca porque está moi ben conservada. É unha boa zona para pasear e un compendio do que se pode ver: obsérvase moi ben a estrutura, nas liñas vense restos das canles da rede hidráulica, as gabias para desbotar os refugallos.

-Que se extraía?

-Eran minas de ouro, aínda está por ver se tamén de estaño. O ciclo mineiro comezou no século primeiro antes da nosa era e estaba rematado no século III. Foron 200 anos con moitas xeracións de xente traballando.

-Por iso viñeron os romanos?

-As minas están moi relacionadas coa romanización da Gallaecia, primeira provincia do Imperio Romano que se constituíu como reino (o suevo) e que seguiu existindo despois. Tiña unha identidade forte que se explica por esta fundación. O traballo nas minas marcou moito o inicio e a historia posterior da Gallaecia. O ouro era o que os galaicos lle tiñan que pagar aos romanos. E aquí sacaron ouro demais. A mina do monte Medo pode ter 500 hectáreas, é un complexo enorme.

-Mantívose esa historia na cultura popular?

-Sábese pola toponimia: mouras, buracos, covas, a xente sabía que foran cavados. Queda a reutilización da tecnoloxía, canais que se usaron e se usan como camiños. Temos aldeas metidas na explotación. Hai que recuperar iso; hai risco de perdelo.