«Quedan catro anos para traballar»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

MACEDA

Santi M. Amil

Pachi Vázquez valora en clave positiva o 26M e sinala que «viñemos para quedarnos»

05 jun 2019 . Actualizado a las 08:20 h.

No perfil social de Espazo Común o seu promotor e líder da formación, Pachi Vázquez, xa o asinaba ao día seguinte das municipais e onte volveu repetir a súa mensaxe na comparecencia na que fixo a valoración dos resultados do 26M: «Espazo Común veu para quedarse. Tivemos só un mes para traballar, campaña electoral incluida, e creo que os resultados son bos para o escaso tempo que tivemos para organizarnos». Pachi Vázquez compareceu con concelleiros da EC de varios municipios -O Carballiño, Piñor, Maceda, Amoeiro- e o candidato á alcaldía de Ourense.

Espazo Común conseguiu o seu obxectivo, que é contar con representación institucional, e «a partir de aquí temos catro anos por diante para traballar e consolidar o noso proxecto», sinalou. Entre as primeiras medidas a desenvolver figuran, segundo dixo, a apertura dunha oficina na cidade para que se visibilice o proxecto, a creación de agrupacións locais nos municipios e a celebración, en setembro, dunha xuntanza para elexir á directiva e aos representantes nos órganos do partido.

Na súa valoración dos resultados do 26M, Pachi Vázquez incidiu en aspectos como «o feito de que temos representantes en seis dos dez concellos nos que nos presentamos e na provincia de Ourense contamos co mesmo número de concelleiros que partidos xa consolidados ou cunha ampla presenza estatal, como é o caso de Democracia Ourensana ou Ciudadanos».

Contra ninguén

Destacou os casos de Piñor, onde Francisco Fraga conseguiu tres concelleiros, e O Carballiño, co mesmo número de representantes.

 

Incidiu Pachi Vázquez, que foi candidato polo Carballiño, que Espazo Común non se presentou contra ninguén e que na vila carballiñesa «nunca se fixo unha crítica en campaña ao goberno municipal e nós estaremos para traballar e conseguir cousas para O Carballiño nestes catro anos».

Ao ser preguntado sobre os pactos que se barallan sinalou aspectos como que «hai moitos vencedores e moitos gañadores do 26M, pero realmente o único vencedor, no Concello e na Deputación, é Jácome» e chamou a atención sobre a dobre medida que barallan algúns: «O PSOE propón que goberne a lista máis votada no Concello de Ourense e na Deputación, onde o PP é a lista máis votada, propón un pacto a catro, de todos contra o PP».

Ao valorar un posible pacto en Maceda para desprazar ao PP da alcaldía a concelleira de Espazo Común sinalou que é algo que se está a valorar. Pachi Vázquez reafirmouse, aínda que con matices: «Valoraremos pactos. No caso de Maceda o que pasa é que hai un PSOE moi ‘singular’».

«Hai moitos vencedores pero o único, no Concello e na Deputación, é Gonzalo Jácome»

«Valoraremos pactos. No caso de Maceda o que pasa é que hai un PSOE moi ‘singular’»