A agrupación Os do Fuelle volve á carga co seu videoclip «San Benitiño»

lucía martínez / x. m. r.

MACEDA

Cedida

O grupo estrea hoxe o seu traballo na Aira das Mantas

14 jul 2018 . Actualizado a las 18:06 h.

Hoxe • 22.30h • Airas das Mantas (Maceda) • O grupo macedá Os do Fuelle, xa ben coñecido pola súa versión en galego de «Despacito», regresa coa estrea do videoclip da canción popular «San Benitiño», hoxe ás 22.30 horas nas Airas das Mantas, en Maceda.

O proxecto xorde tralo éxito que tivo o vídeo da popular canción «Despaciño», gravado no Castelo de Maceda o pasado verán. «O vídeo funcionou, na nosa comarca vírono todos, e iso deunos a motivación de facer outro», explica Alberto Outeiriño, compoñente da agrupación. O grupo elixiu a canción «San Benitiño»: «Porque nun vídeo que colgamos en Facebook gustou moito e, a partir de aí, quixemos facer outro para esta canción ambientado nunha romaría nos anos 50».

O vídeo musical conta a historia de María, filla dun acordeonista, que vai á romaría do San Benitiño coa idea de atopar ao seu amor da xuventude, Pedro. No proxecto colaboran as actrices Gloria Ferreiro e Cristina Pascual, nai e filla na ficción. Rafael Carrera e Manuel Lozano, integrante do grupo, completan o reparto.

Armado cunha cámara doméstica, Outeiriño dirixiu a gravación, empregando escenarios naturais de Maceda como o Pazo de Chaioso, a ermida de Don Franque, a casa natal do cardeal Quiroga Palacios e as aulas do Colexio dos Milagres, en Baños de Molgas.

Pese a que ningún dos participantes recibiu retribución económica, a producción foi máis arriscada e ambiciosa ca realizada no 2017, coa idea de recrear a estética e o vestiario dos anos 50.

A volta das voladoras

Na rodaxe non faltou a procesión do San Benito, o cal viaxou desde a Parroquia de Solbeira (Paderne de Allariz) para non perder detalle.

«Gústame moito o resultado. Moita xente quixo participar e mesmo conseguimos que as voladoras, unha atracción mítica das festas de Maceda, se volveran montar. Penso que demos creado ese ambiente dos anos 50», conclúe o director do clip.