O compromiso de Paco Nóvoa con Galicia

Xosé González Martínez TRIBUNA ABERTA

MACEDA

17 may 2017 . Actualizado a las 11:42 h.

Maceda decidiu celebrar as Letras Galegas da mellor maneira que se pode facer: honrando a un egrexio veciño e empresario sempre disposto a apoiar calquera iniciativa que teña que ver coa cultura e tradicións daquel territorio presidido polo castelo que foi morada do rei Afonso X, no que aprendeu a falar e escribir a lingua galega. Ese ambiente histórico no que naceu, e ao que segue vinculado, determinou unha forte personalidade chea de emocións e compromisos cos seus eidos nativos, sempre disposto a apoiar á institución local e ao movemento asociativo. Razóns de abondo que motivaron que a corporación o nomease Fillo Predilecto hai uns anos. Hoxe celebrase outro acto ao pé da Casa do Concello onde se descubrirá unha placa, a carón doutra dedicada ao cardeal Quiroga Palacios, que recorde ás futuras xeracións aquel nomeamento e as moitas virtudes que adornan ao fundador e director do Grupo Academia Postal.

No seu día foron moitas as entidades que apoiaron a proposta do Foro E. Peinador solicitando tal honra para Paco Nóvoa. No escrito que motivou o acordo plenario facíase fincapé nos méritos do empresario macedán, animando o movemento regaleguizador no ámbito socioeconómico seguindo a estela dunha numerosa nómina de precursores que apelaron ao diálogo entre a economía e a identidade. Non hai aínda moitos meses que Paco Nóvoa volvía facer ese chamamento na Escola de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo o día da inauguración do monumento a Enrique Peinador, o emblemático empresario da identidade galega, e a presentación da súa biografía editada polo Grupo Academia Postal.

Paco Nóvoa déulle ao Grupo Academia Postal o marchamo de galeguismo militante, porque sabe moi ben que ese acento é un valor engadido ben valorado polos seus usuarios e consumidores e pola sociedade galega, como no seu tempo fixeran Pescanova, Zeltia, Cementos Oural e anos despois, entre outras, a empresa de transportes Castromil que hoxe continúan moitas máis. A militancia de Paco Novoa no Foro E. Peinador é un activo importante na galeguidade empresarial, exercendo un maxisterio que alenta o proceso regaleguizador que ten acadado cotas inimaxinables hai anos. Por iso nos aledamos que o Concello de Maceda renda a merecida homenaxe a Paco Novoa e perpetúe para sempre a súa memoria explicitada no seu galeguismo empresarial.

Galicia será máis galega se a mensaxe da galeguidade se fai transversal, superando o manido modelo que lle outorga á literatura poderes que non ten para galeguizar Galicia. Velaí a orixinalidade do acto programado polo Concello de Maceda para celebrar o Día das Letras Galegas. Porque alí non se homenaxeará a un escritor nin unha obra literaria; alí agradeceráselle a un empresario o labor de mecenado e compromiso coa identidade galega practicada na súa horizontalidade.

Paco Nóvoa practica un galeguismo propio, que o distingue daqueles que unicamente perseguen o ideal do éxito, procurando beneficios persoais; el prefire loitar polo éxito do ideal, involucrándose con autenticidade nun proceso dinamizador da galeguidade empresarial. Persoas así, coma el é, son as que están a tecer a historia do pensamento económico galego e unha tradición empresarial comprometida con Galicia alén dos discursos ocos que outros pronuncian para a galería.