«O noso obxectivo é recuperar a cultura tradicional do país»

LOBEIRA

21 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O noiés Uxío Breogán Diéguez preside a asociación Rei Soga de Lobeira, un colectivo que iniciou a súa andaina no ano 2001 e que a día de hoxe agrupa a uns 240 veciños.

-¿Como xurdiu a idea de poñer en marcha esta asociación?

-O colectivo naceu para tentar desenvolver actividades culturais que botabamos de menos na comarca. Tamén traballamos nos eidos da defensa da natureza e da igualdade de xénero. Ao mesmo tempo, parécenos interesante facer un exercicio de recuperación da memoria histórica, e de aí ven o nome da asociación, xa que Rei Soga foi un nobre galego que a finais do século XIV foi executado por non aceptar a lexislación.

-¿Participa a xente nas actividades organizadas?

-Si. Como exemplo, podo dicir que cando empezamos co curso de pandeireta veu unha veciña que levaba décadas sen tocar este instrumento e apuntouse moi ilusionada porque quería recuperar a práctica. Ademais temos xente de todas as idades, dende os seis anos ata os sesenta.

-¿En que proxectos está a traballar agora a entidade?

-O noso obxectivo é recuperar a cultura tradicional do país. Por iso, queremos poñer en marcha un curso de gaita e unha biblioteca especializada en fondos galegos e na literatura infantil, xa que as salas existentes presentan carencias neste eido.