Os sorprendentes deseños que se agochan nos muros das vivendas

La Voz

LOBEIRA

11 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O rico inventario de Vega detense tamén nos encintados e encalados, un eido non menos sorprendente polos deseños que se agochan nas paredes de pedra e que amosan instrumentos de albaneis, iniciais, trisqueis...

O libro, que hoxe presenta a Deputación de Ourense, é un banco de datos que abre unha nova liña en Galicia. Os encintados permiten a quen os fai maior creatividade. Así, pódese ver unha man nunha casa da Lonia, en Ourense, un galo en Baños de Molgas ou peixes nunha fachada de pedra de Pentes, na Gudiña. Aparecen figuras xeométricas en Parada de Sil; corazóns como no caso de Lobeira; estrelas, cruces, media lúa... Incluso copas e as frechas falanxistas. Hai que deterse e ollar con coidado nestas fachadas rurais para darse conta dos detalles de interese que presentan e aos que ás veces non lles prestamos atención. Son rarezas que agora aparecen catalogadas para coñecemento de todos.