«Póñome a ver unha película e fágome a ilusión de estar no palco dun teatro»

A Ernesto Romero as condicións que se porán cando se volva á actividade causanlle incerteza 


ourense

Se es un cinéfilo de libro e por riba tes unha sala de proxección ou un cine ao teu dispor, poñamos por caso, non hai estado de alarma nin confinamento que poda contigo. Ernesto Romero García converteu a súa vida en cine dende o intre no que fixo a descuberta da maxia de contar historias con luz e comezou a botar unha man na sala do seu pobo, en Leiro. E a partir de aí xa non parou: do Ribeiro pasou a Vigo, onde estivo traballando en varios cines, e en 1983 abría o seu propio local: o Novocine de Leiro. Un proxecto feito á medida xa que a sala e todas as dependencias do cine ocupan o baixo dunha casa na que se dedica o resto do volume a vivenda.

Non chegou nun bo momento esta entrada en dique seco porque os últimos meses as cousas viñeron mal dadas, aínda que o dono do cine de Leiro -o único que existe en Galicia nun concello destas características: con pouco máis de 1.500 habitantes- sempre pon por riba de calquera outro interese a súa paixón cinéfila. «Neste inverno tivemos moitos problemas co servizo eléctrico. Houbo días que se cortou a luz na sesión e iso fixo que se estragase o proxector e tivese que mercar un novo. Estou pendente do seguro pero non acabo de ver que isto teña solución. E cando tiña programada Star wars, que había moita expectación por vela, a empresa eléctrica deixou varios días a Leiro sen luz e non a puiden proxectar. Tivo que ser á semana seguinte e xa con outra estrea nos mesmos días», lembra.

 Ernesto Romero recoñece categórico que non se aburre porque non lle queda tempo para iso. Nestas semanas de paro forzoso aproveita para ver as súas películas máis queridas e faino dende unha situación privilexiada, nun pase privado con todo o cine ao seu dispor: «Casablanca e a cinematografía de Hitchcock están entre as miñas obras preferidas. Como outros moitos títulos. Séntome na sala e fágome a ilusión de que estou no palco dun teatro».

 Dos gramófonos á viña

Non lle chega o tempo a Ernesto Romero para dar conta das tarefas e proxectos pendentes. O confinamento deulle as horas que necesitaba para pór orde na súa colección de gramófonos, discos antigos -moitos deles de lousa-, proxectores e outros materiais. «Gramófonos teño preto de cen, xa deixei de contar, e discos entre 4.000 e 5.000, hai tempo que non fago reconto. Nestas semanas estou aproveitando para pór orde na colección, arranxar algúns aparatos aos que tiña pendente facerlle algún traballo e cousas polo estilo. Antes tíñaos como exposición pero logo rematou todo desordenado, agora aproveito para facer os traballos que antes non podía. Todos contan coas súas pezas orixinais», sinala o propietario do Novocine de Leiro.

Tamén dedica horas a seguir lendo e investigando sobre a súa paixón como coleccionista e apunta os materiais cos que estaban feitas as agullas daqueles aparatos pioneiros do son. «Habías de aceiro, tungsteno, bambú -creouse unha máquina especial para darlle o corte- e espiñas -xeralmente de chumbeira ou cactos, mais tamén en ocasións de laranxeiros ou limoeiros».

Como acontece con actividades semellantes, que contemplan concentración de persoas, a Ernesto Romero créalle incerteza o futuro no que a posibles restricións ou rebaixa considerable de aforo se refire e a como reaccionarán os espectadores despois desta etapa. Mentres chega o día no que poda abrir o Novocine ao público, vai pagando facturas e liquidando o IVE. E tamén aproveita para atender o que non pode esperar, como é dar o sulfato e acometer os traballos que require a súa viña. Non elabora viño, si que o fixo en tempos, e as uvas da colleita van para a Cooperativa do Ribeiro, da que é socio. E volve ao comezo para afirmar categórico: «Non teño tempo de aburrirme».

«Teño unha relación especial con Cuba porque aínda temos familia alí»

Nas redes sociais Ernesto Romero amosa fotos dedicadas de artistas e cantantes de hai décadas. A colección forma parte do material que foi recollendo na etapa en que estivo traballando no García Barbón de Vigo. Tamén fai concursos para sortear entradas para as súas sesións e mesmo recupera fotos antigas de Leiro.

Ademais ten un especial protagonismo nesta faceta o material relacionado con Cuba. O propietario do Novocine de Leiro recoñece unha forte paixón pola illa: «Teño unha relación especial con Cuba porque aínda temos familia alí. Ao meu avó, Vicente García Ramos, tocoulle ir alá á guerra no destacamento da Guardia Civil de Ultramar de Cuba e Puerto Rico. Non fora nunca pero debeulle gustar porque logo emigrou para alá, de feito en Cuba naceu miña nai. A algúns familiares tróuxenos aquí a pasar unha tempada».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Póñome a ver unha película e fágome a ilusión de estar no palco dun teatro»