Jesús Blanco: «Se vai haber moción de censura ou non saberémolo axiña»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

LAZA

Agostiño Iglesias

O socialista deu conta ao pleno da corporación da súa renuncia como rexedor de Laza

22 jul 2020 . Actualizado a las 14:04 h.

A corporación municipal de Laza celebrou sesión plenaria este martes cun único punto na orde do día: dar conta da renuncia de Jesús Blanco Conde como alcalde. O socialista anunciaba hai uns días a súa decisión por considerar que os ex socios de goberno do PSOE, a marea de Xuntos por Laza, mantén un acordo dende hai meses co PP para boicotear as accións que se estaban a promover dende o grupo de goberno. A máis significativa foi o rexeitamento da aprobación do orzamento municipal. Logo de décadas de poder do PP no Concello, nas últimas municipais os populares quedaron en minoría (4 concelleiros) e o acordo PSOE-Xuntos por Laza Mareas Locais (tres e dous representantes respectivamente) facilitou o relevo na alcaldía. O tenente de alcalde Pablo Pazos exercerá como rexedor en funcións ata o venres, data na que se celebrará o pleno para escoller ao novo alcalde de Laza.

-No seu comunicado de renuncia alude á traizón dos seus socios e a unha especie de «marca b» do PP.

-Os veciños votaron para rematar co feudalismo e as políticas caciquís que levaba poñendo en práctica o PP e a dereita toda a vida. Houbo un pacto para conseguilo e logo demostrouse que algúns aproveitaron as siglas En Marea, en principio máis á esquerda que o PSOE, para colar unha candidatura que nada tiña que ver coa ideoloxía das Mareas.

-E as relacións co PP?

-No seu obxectivo de presentar listas no maior número de concellos posibles o partido de Villares non reparou nos antecedentes. Se o fixese vería, como sinalo no meu escrito de renuncia, que o seu cabeza de lista en Laza tiña feito campaña a favor do PP con anterioridade.

-Vaise por esgotamento ou cre que podería haber moción de censura?

-Por frustración e esgotamento. Tiñamos un proxecto e moitas ilusións por transformar e dinamizar o noso Concello, aínda que ao pouco tempo xa quedou claro que algúns só tiñan como obxectivo desgastar ao goberno municipal e defenestrar ao alcalde. A estratexia era provocar o noso desgaste para que non se fixeran cousas en Laza e, máis adiante, ter ese argumento para desvelar as súas verdadeiras intencións.

-E sobre a moción de censura?

-Podería ser, teña en conta que aquí está o PSOE, o PP e En Marea, que é o outro PP.

-Haberá pacto PP-En Marea?

-Se vai haber ou non saberémolo axiña. O venres hai pleno para escoller alcalde. A postura dalgúns dará a solución á pregunta.

-Botou pouco máis dun ano como alcalde de Laza. Con que se quedaría do feito neste tempo?

-Vimos de presentar o proxecto da área arqueolóxica, que foi unha iniciativa moi engaiolante na que se implicaron os veciños, e neste tempo fomos poñendo ao día o Concello, mellorando a rede de estradas, arranxando o depósito da auga -que ata tiña uralitas contaminantes dentro- e fóronse facendo cousas.

-Contou con axuda institucional?

-Para nada. Houbo un boicot total por parte da Xunta e da Deputación. No organismo provincial si que teño que dicir que me recibiron, pero nada lle concederon aos nosos veciños.