«En Laza acabaranse as desigualdades»

sindo martínez XINZO / LA VOZ

LAZA

psoe

O ex director da Seguridade Social en Ourense, o socialista Jesús Blanco, aboga por loitar contra o despoboamento nun concello onde o PP non logrou revalidar o 26M

01 jun 2019 . Actualizado a las 10:21 h.

Laza foi durante máis dun carto de século unha das prazas máis sólidas do PP na comarca de Verín. O rexedor en funcións, Xosé Ramón Barreal, é un dos máis veteranos alcaldes da zona e viña renovando a súa maioría absoluta dende hai varias eleccións. Pero, como a outros concellos ourensáns, a Laza tamén lle chegou o momento do cambio. O candidato socialista e ex director do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) en Ourense, Jesús Blanco, conqueriu alcanzar os tres concelleiros que sumados aos dous da candidatura independente Xuntos por Laza porán fin a ese dominio popular a partir do 15 de xuño.

A súa candidatura perfilábase dende varias actuacións claves para mellorar as infraestruturas do pobo. A construción dunha residencia de maiores ou a defensa do río Támega presentábanse como eixos da súa actuación, pero Blanco define que o fundamental non é iso. «O máis importante desta nova etapa tal vez sexa que a xente sinta que en Laza acabáronse as desigualdades e o caciquismo. Haberá igualdade para todos. Non permitiremos máis situacións de privilexio», expón.

O motivo da súa entrada en política municipal aos 66 anos, cando lle quedan uns poucos meses para a súa xubilación, é clara: «Sempre pensei que cando me xubilase, o que está a punto de suceder, faría algo polo meu pobo. Eu son nacido en Cimadevila, en Laza, coñezo ben o pobo. Penso que dende fai tempo está moi mal xestionado e na miña cabeza xa estaba a posibilidade de dar este paso e presentarme como candidato agora, que vou ter máis tempo para centrarme no pobo. Era o momento de dar o paso adiante».

¿Hai algunha opción de que non fragüe o pacto entre socialistas e independentes? «Non hai a máis mínima posibilidadE de que eu non sexa alcalde. O pobo non o perdoaría xamais. Ao longo da campaña, moitísima xente nos dixo que teríamos que unirnos para que houbera un cambio e así vai a suceder. Isto non ten volta atrás», remarca.

«Apostamos non por facer grandes obras faraónicas. O principal é mellorar as infraestruturas e darlle un impulso aos pobos que padecen o envellecemento e o despoboamento dende hai moito tempo», comenta.

¿E o parque de aventuras? O proxecto turístico máis importante da historia do concello non parece arrincar. «Non sei en que momento está ese parque. Enterareime cando tomemos posesión da alcaldía. Pero o que si que sei é que levan oito anos con este proxecto e que aínda non é unha realidade. Haberá que estudar no seu caso se hai que reconverter esta iniciativa», insiste.

Outro dos piares da futura labor do bipartito de Laza céntrase na posta en valor do símbolo esencial da tradición e do atractivo turístico da localidade: o entroido. «Eu escribín no seu día un libro sobre o entroido. Hai que potencialo. Hai que tratar de dotalo dunha infraestrutura hostaleira que non sexa solo para o ciclo festivo do entroido. É o emblema do noso concello e hai algo esencial para min, o respecto as tradicións», sentencia.

En torno aos problemas dos moitos núcleos rurais do concello, o futuro candidato avoga por: «Levar servizos aos pobos, mellorar os viais de acceso. Son aldeas que teñen un enorme encanto e que deben ser potenciadas para loitar contra o despoboamento. Esperamos que eses pobos non se enchen solo no verán, senón que manteñan ou incrementen a poboación que teñen, incidindo no coidado aos maiores».