Laza non teme ás formigas foráneas

Maite Rodríguez Vázquez
Maite rodríguez LAZA / LA VOZ

LAZA

A Baixada da Morena tivo máis luz neste tardío entroido e a festa rachou na Picota

05 mar 2019 . Actualizado a las 17:22 h.

A praza da Picota de Laza foi unha vez máis o centro do triángulo máxico do entroido. O ritual cumpriuse desde a saída da comitiva en Cimadevila. Alá foron os incondicionais e os novos para acompañar a Morena. Varios mozos subían con sacos sospeitosos pero non metían medo: «As formigas de fóra non pican como as de aquí», dicía un, confiado. En Laza non temen ás formigas foráneas. A xente, revestida ou medio espida, sabe o que vai pasar.

A espera non foi longa pero algúns puxéronse retos, como escalar por un poste de teléfono para pendurar o casco dunha «estrella». As botellas valeiras formaban parte da paisaxe, en xeral ordenada, mesmo con tanta xente.

A Morena comanda a tranquila procesión. «Vamos Morena!», animan os mozos. Dá algunha cornada que desfai por un instante o cortexo e segue baixando. Unha parella de mulleres subidas nun burro vai aparentemente tranquilas no medio do mogollón, ben suxeitas por compañeiros que evitan que caian entre os vaivéns da multitude.

A formiga, un enorme artefacto inofensivo pero de aspecto aterrador, anima a procesión en medio dos toxos e verzas. Unha ameaza real era o son do motor da sopradora que facía voar a fariña. Detrás, o carro cas formigas mesturadas con terra, que todos agardan e temen. A baixada foi rápida. O serodio entroido deste ano deu mais luz que a de entre lusco e fusco.

E, case de repente, todos á Picota. A xente aproveita un pequeno atasco para embozarse. Polo cha corren formigas, e ben grandes que son. Ao entrar na pequena praza, a xente non espera mais e racha. Voa a terra cas formigas, a fariña converte o ar nun po branco e o son do xa típico «lo lo lo lo lo» e os berros de «que salte a picota» invaden todo. Aínda que parecera unha festa só para mozos e mozas, nunha segunda liña hai nenos e xente maior. Desde uns balcóns, os peliqueiros observan contentos e tranquilos o ruidoso desorde e saúdan movendo as chocas. No palco, a orquestra comeza a súa función.