O reto de Feijoo está en Laza

Xosé M. Rodríguez ANACOS

LAZA

03 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

provincia de Ourense vai avanzando en algo que sempre fora a súa eiva, que non era outra cousa que potenciar a singularidade, riqueza e variedade dos seus entroidos. Un atractivo e un recurso que hai anos comezou a superar o ermo do seu tradicional illamento coa fórmula, tan atractiva como escasa no seu contido, do triángulo máxico do entroido e que hai tempo reivindica a súa especificidade en todos e cantos pobos, lugares e aldeas se celebra. De Covelo a Sande e de Viana do Bolo a Maceda, pasando por todos os espazos que se considere oportuno. Participar en proxectos como o da Máscara Ibérica e superar, aínda con máis esperanzas que realidades, a tantos anos adiada apertura do Museo Galego do Entroido foron axudando a reivindicar o atractivo da provincia de Ourense na máis popular das festas tradicionais.

A antropóloga portuguesa Paula Godinho, da Universidade Nova de Liboa, impartiu nestes días unha conferencia sobre a festa no Museo do Pobo Galego -máis concretamente sobre o entroido de Vilariño de Conso- e deixou unha reflexión clara logo de trinta anos de estudo da festa e das máscaras do ciclo do inverno en Portugal. Para Godinho a «turistificación» ten un efecto excelente e moi positivo en canto á autoestima local e a valorización do propio. No caso do chamado triángulo máxico ata contaron en varias ocasións coa presenza do presidente da Xunta en Verín e este ano, sen previo aviso, deixouse ver por Xinzo. O reto pendente de Feijoo está claro: só lle queda ir á Baixada da Morena de Laza para completar o circuíto da festa.

A