José Luis García Pando, presidente da D.O.: «En brancos, en Valdeorras estamos entre o melloriño a nivel mundial»

María Cobas Vázquez
MARÍA COBAS O BARCO / LA VOZ

LAROUCO

Quen son. «Quero pensar que son un cidadán libre e coherente, consciente de que raras veces consigue ámbalas dúas e que convive como pode coas súas contradicións».
Quen son. «Quero pensar que son un cidadán libre e coherente, consciente de que raras veces consigue ámbalas dúas e que convive como pode coas súas contradicións». AGOSTIÑO IGLESIAS

Cre que a chegada de grandes grupos axuda a entrar en novos mercados

03 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Valdeorras está a punto de dar por finalizada a vendima. Esta fin de semana quedarán recollidas o 99 % das uvas, pendente algunha variedade de ciclo máis longo nas zonas altas, sobre todo O Bolo e Larouco, di o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe, José Luis García Pando (Rubiá, 1961). Conta que foi un proceso complicado. «Empezou moi ben, pero houbo que parar pola chuvia, volver a arrancar, volver a parar. Foi complicada polas condicións meteorolóxicas de todo o mes de setembro», resume. A falta das cifras finais, serán uns 6.570.000 quilos recollidos, dos cales 4,1 millóns son de godello e 1,4 de mencía.

—Feita a vendima, pronto virán os novos viños. ¿En que punto están os de Valdeorras?

—Nos brancos parece que só vemos polos nosos ollos, pero creo que estamos a un nivel do melloriño que pode haber non só de Galicia ou de España, senón a nivel mundial. Hai viños aquí que compiten con calquera viño do mundo.

—E os tintos?

—O mercado é moito máis específico. A xente está máis acostumada ao típico viño con madeira de Ribeira del Duero ou Rioja e os nichos de mercado para un viño novo como é a mencía, normalmente, aínda que hai excepcións, son máis reducidos e máis complicados de entendelos, e xa vai a público máis específico que os coñece e que os valora. Pero aquí temos tintos de garda con barrica que están a bo nivel.

—Case todo o que se planta novo é godello?

—Vai por rachas. Nos anos 90 plantouse godello e a partir do 2000 era mencía todo. Agora desde fai 10 ou 12 anos volveuse ao godello nas plantacións, non quere dicir que se abandonara, porque sempre foi aumentando. O 95 % das novas plantacións é godello. Iso tamén vai segundo o adegueiro ou o viticultor vexa que lle ten máis saída.

—E que mercado hai para o merenzao, a garnacha ou outras variedades minoritarias?

—Hai pouca produción. Normalmente cando se busca un viño dese perfil, búscase un viño con maior valor engadido, que haxa que elaborar doutra forma, ben polo tipo de elaboración ou pola conservación en barrica, que xa se vai a unha tipoloxía de viño máis caro. É para sacar algo distinto e que realmente no mercado ves as posibilidades de comercialización. Vemos que hai tintos que se comercializan, aínda que sexan minoritarios, moi ben e a prezos tirando para arriba. O que falta é aumentar a produción dese tipo de viños, e que se sigan comercializado a eses prezos. Que non sexa algo puntual. De feito hai algunha adega que, aventurando, diría que igual o 50 % da súa facturación baséase nesa tipoloxía de viños.

A chegada de grandes grupos deixa oco para as pequenas adegas? Porque compran moito viñedo.

—Non hai problema de comprar moito viñedo, porque hai moito, sobre todo de xente maior, que se perdería. E estase perdendo igual, porque os grupos fan explotacións máis grandes, viñedo máis grande xunto. Collen os dereitos dun lado e xúntanos noutro sitio, ou, en viñas determinadas cómpranas porque son viñas vellas e interésalles ese tipo de uvas. E no mercado, a nivel xeral, aínda non estamos nunha fase de que nos coñezan como nos deberían coñecer. E o grupo grande arrastra aos demais no coñecemento dos viños de aquí, pola súa capacidade de comercialización. Non falo só de publicidade directa, senón porque poden chegar a mercados que un pequeno non chega, e ao ser descoñecido a marca Valdeorras, ou a variedade, é moito máis difícil colocar un viño cando ninguén o coñece. Se chegas a todos os mercados e xa tes unha referencia alí, é moito máis fácil que outra adega, que sexa menos coñecida, poida dar a coñecer o seu viño porque xa hai unha referencia establecida. Digamos que fai unha punta de lanza sobre todo en mercados novos, nos que non estamos presentes. Nos mercados tradicionais son unha competencia máis.

Están nacendo adegas novas?

—O ano pasado abriu unha adega nova, pequena. E este ano dúas, de produción pequeniña.

«Tal e como está o mercado, non nos podemos queixar de como están indo as vendas»

Pando preside o consello desde o 2016, despois unha primeira etapa entre o 2008 e o 2014. Agora está no cargo en funcións, á espera de que a Consellería de Medio Rural convoque eleccións. Despois, no grupo decidirán se se presenta ou non, di. Mentres, segue a traballar.

—Medra máis a D.O. nunha zona que noutras en canto ás novas plantacións?

—As novas plantacións dependen moito da presenza de grupos que se asenten nunha zona. Ás veces non é que escolla, é que compra onde hai. E a partir de aí, para facilitar os traballos, prefiren comprar ou aumentar a superficie canto máis cerca da adega, mellor. E despois tamén depende dos viticultores independentes, de onde sexan e onde queiran plantar.

—Cal é a tendencia en canto aos viticultores, medran en número ou baixan?

—A tendencia é a concentración de viñedo en menos propietarios ou explotadores, que arrendan ou que lles ceden viñas aos que se dedican ao viñedo. É a maneira de facelas máis rendibles.

—Na D.O. Ribeira Sacra tiveron que pedir almacenar o viño fóra da zona protexida porque aínda teñen moito do ano pasado. En Valdeorras moito viño sen vender?

—Afortunadamente non. Non quere dicir que nalgunha adega, puntualmente, non teñan problemas de almacenamento e por iso non puideron comprar máis uva, pero en xeral foron capaces todos, porque non hai stock. De feito, en branco hai un stock menor do lóxico a estas alturas, porque a venda da nova colleita non vai empezar ata febreiro ou marzo. No tinto tiñamos moito medo, porque antes do verán había moito en adega, pero arrancou de forma boa. Tal e como está o mercado, non nos podemos queixar.

«Con catro socios montei unha adega modesta, de garaxe, no 2000»

«Nacemos co viño. Un avó facía viño e vendíallo aos de Lugo, que viñan por aquí, colleitaba e vendía; e por outro rama o meu bisavó era un adegueiro grande. Meu pai compraba e vendía cando era novo, así que todo daquelas na casa todo xiraba no mundo do viño», explica Pando sobre as súas raíces no mundo vitícola. E con eses vimbios, non foi complicada a evolución a crear a súa propia adega.

—Foi no ano 2000, con outros catro socios, cando abrimos Adega O Casal. Tres deles atopáronse de súpeto con que tiñan pais maiores ou herdaran viñas e non sabían moi ben que facer con elas. Ou vendelas ou traballalas, pero para traballalas do mesmo xeito que se viña facendo... Como cada un tiñamos a nosa profesión, decidimos xuntarnos e facer unha adeguiña moi modesta, no medio da vila, arranxando unha corte. O que se chamaba unha adega de garaxe, un baixo e alí empezamos. Tiñamos poucas viñas e empezamos a reestruturar as vellas, e despois pouco a pouco empezamos a comprar viñas vellas feitas e terreo no que plantar. Agora temos unhas 8 hectáreas.

—E queda aí ou van seguir medrando?

-A idea é poder seguir medrando en viñedo propio, porque é o que podes controlar mellor. O que compramos é anecdótico, a catro amigos que teñen unha viña pequena de mil ou dous mil quilos, é o que se lle compra.

—En que volume de produción están agora?

—Estamos nuns 35.000 libros, de godello e mencía [que sae ao mercado baixo a marca de Casal Novo, e que no 2016 probou Bruce Springsteen mentres gozaba da CSI Longines Global Champions Tour na hípica de Madrid]. Este ano temos intención de traballar cunha variedade minoritaria, o merenzao.

—É na adega onde pasa as horas fóra do traballo como inspector de Sanidade?

—Parte si, pero parte non. A adega absórbete puntualmente, hai momentos nos que están por alí e botas unha man, pero a maior parte do tempo libre dedícoa a descansar do traballo (ri).

—Cando non bebe un Valdeorras, que bebe?

—De todo. De todo o que haxa. E depende do sitio onde estea. Procuro sempre beber onde me encontre o viño que haxa polo sitio. Aínda que estea en Galicia. Se estou en Rías Baixas probo un viño de alí. Non teño problemas por iso. E incluso aquí [no consello regulador] probamos de todo, por suposto os viños que se fan en Valdeorras, que os teño máis controlados, pero hai que probar outros para saber o que hai por aí.