Romasanta revisitado

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

ESGOS

MIGUEL VILLAR

Óscar Doviso dirixirá unha curta, que pode ser longametraxe, sobre o asasino de Esgos

18 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A figura de Manuel Blanco Romasanta segue a ser un misterio que é quen de aportar novas achegas e proxectos sobre unha realidade, a súa, que mantén o misterio e aínda partes e facetas por descubrir. O asasino en serie natural do lugar de Outeiro, no municipio de Esgos, acadou sona como o home lobo ou o lobishome de Allariz, por ser esta vila onde foi xulgado, e sobre o seu caso versou o discurso de Vicente Risco de entrada na Real Academia Galega. Precisamente a Fundación Risco celebra anualmente as Xornadas Romasanta e sobre a figura do de Esgos están centradas dúas películas: as realizadas por Pedro Olea e Paco Plaza.

E no futuro próximo haberá un novo traballo audiovisual sobre o asasino de Esgos. Luarada é un proxecto dirixido por Óscar Doviso que conta co apoio da Deputación de Ourense, e o Concello de Esgos, e que comezará a súa rodaxe o día 2 de marzo. O personaxe de Romasanta será interpretado por Marcos Vázquez e no proxecto tamén está implicada a produtora Escena Sonora.

Óscar Doviso, que leva dous anos traballando na proposta, sinalou na presentación de Luarada -que se define como «a historia do máis grande criminal que coñeceron os tempos»-, considera que as achegas de Pedro Olea e Paco Plaza á figura de Romasanta foron proxectos errados que non conseguiron reflectir a figura do asasino na súa complexidade e na súa verdadeira dimensión.

As previsións do realizador ourensán pasan por gravar entre os días 2 e 15 de marzo os primeiros materiais e o obxectivo é realizar unha curtametraxe. Formato que non será definitivo, xa que Doviso sinalou que «hai moitas miradas postas neste proxecto e a nosa intención é que se converta nunha longametraxe».

O resultado da curta e o visionado dos posibles interesados podería dar como resultado, segundo avanzou, que se dispuxese das axudas necesarias para converter Luarada en longametraxe.

 

Barallouse facer unha miniserie

Unha das opcións que se barallou neste tempo, segundo recoñeceu Doviso, pasaba por facer do proxecto sobre o asasino ourensán unha miniserie de seis capítulos. Aínda que finalmente esa posibilidade foi desbotada e apostouse pola alternativa presentada no organismo provincial.

O presidente da Deputación, José Manuel Baltar Blanco, salientou a aposta do organismo provincial polo audiovisual e o feito de que a mesma se está a materializar nas rodaxes que se están a desenvolver na provincia ao longo dos dous últimos anos. Na mesma liña situou a implicación e apoio ao OUFF, lembrando que a Deputación é na actualidade a organizadora do festival de cinema.

As primeiras imaxes poderanse ver na próxima edición do OUFF

Na presentación de Luarada o seu director sinalou que as primeiras imaxes da rodaxe, un avance do que será o traballo, poderanse ver en setembro no marco do OUFF, o Festival de Cine Internacional de Ourense. No acto da Deputación pasáronse 90 segundos de gravación, con Marcos Vázquez como único protagonista.

 

A historia que se vai comezar a rodar en marzo enceta en 1845, cando Manuel Blanco Romasanta chega a Galicia procedente de Castela. O equipo artístico de Luarada está composto por Marcos Vázquez, Helen Bertels, Patxi Bisquert, Héctor Martínez, Candela López, José Manuel Mao e Lucía Rodríguez. O guión, sobre o que o director sinalou que se segue a traballar, é de Óscar Doviso, Ollala Moreiras e David Caride. A produción é responsabilidade do propio realizador e de José Freiría (Escena Sonora) e Marcos Vázquez.

  Interese dunha plataforma

A gravación realizarase nos escenarios polos que se moveu o asasino, de forma destacada en diferentes localizacións do municipio de Esgos. Na rolda de prensa Doviso sinalou que tivo ofertas dunha plataforma audiovisual, pero rexeitou a proposta para non perder o control total sobre o traballo que pretende realizar.