Luar na Lubre pónlle música ao Patrimonio da Humanidade

La Voz OURENSE / LA VOZ

ESGOS

xmr

A banda presentará o disco «Ribeira Sacra» no Teatro Principal

09 may 2018 . Actualizado a las 16:00 h.

Hai xa meses que os músicos de Luar na Lubre andaban mergullados na Ribeira Sacra ourensá. Con San Pedro de Rocas como centro de actividade, e con presenza en lugares como Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa Cristina, os canóns do Sil, Niñodaguia ou Esgos, entre outros espazos. A banda apostou por dárlle protagonismo á Ribeira Sacra no seu traballo -así se titula o mesmo e todos os temas e contidos estarán relacionados co lugar- e o novo disco será presentado os vindeiros días 2 e 3 de xuño nos concertos que se celebrarán no Teatro Principal de Ourense.

A Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, o proxecto de convertir en música a Ribeira Sacra non o colleu de novas. Sempre fixo bandeira o coruñés das súas orixes nestas terras e na presentación de Ribeira Sacra lembrou que é neto de cacharreiros e de naceiros -afiadores en barallete-. «A miña terra é Melón Baixo, en Esgos. De alí é a familia de meu pai e a de miña nai procedía de Niñodaguia, en Xunqueira de Espadanedo», lembrou.

A música do paraíso

Os integrantes de Luar na Lubre presentaron no Centro Cultural Marcos Valcárcel o seu novo traballo na compaña do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, dos irmáns Castor e Félix Castro Vicente e de Samuel Lago, presidente da Coral de Ruada. Tanto a formación coralista como os músicos ourensáns colaboran neste novo traballo da banda coruñesa. Tamén estiveron presentes no acto alfareiros, creadores de tarazanas -rodas de afiar- e outras persoas da zona que colaboraron neste traballo.

Bieito Romero sinalou que no novo disco de Luar na Lubre «está a Ribeira Sacra no seu conxunto. Non son só os temas, é que tamén figuran no mesmo os sons que a definen: a auga, o vento, as campás, as chocas dos felos, o son do canón do Sil, as súas xentes...». Para o presidente da Deputación o traballo desenvolvido pola banda coruñesa «é a banda sonora do Patrimonio da Humanidade», sinalou Baltar Blanco. Lembrou que acudiu ao concerto que esta formación deu en Manhattan no 2004, cando Luar na Lubre estaba coa xira do seu disco Un bosque de música e referiuse a outro dos seus traballos -o titulado Hai un paraíso- para asegurar que «este é o paraíso», en referencia á Ribeira Sacra.

Para presentar o novo disco organizaranse dous concertos, de acceso libre -con invitación-, e a banda contará con varios invitados para os mesmos. Entre eles, segundo avanzou Romero, estarán Víctor Manuel, a Coral de Ruada e Ses, entre outros.

De Romasanta ao barallete

Entre os temas que figuran en

Ribeira Sacra

hai un centrado na figura de Manuel Blanco Rosamanta -orixinario de Outeiro, Esgos- creado en colaboración cos irmáns Castro Vicente, investigadores do asasino en serie ourensán. Tamén adiantou Bieito Romero que figura unha peza cantada en barallete -lembrou que se falaba na súa casa- e sons como os dos felos de Maceda e Esgos, entre outros materiais e presenzas neste novo traballo.