«A primeira vez que contactei cos Scout tiña moitos reparos»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LAVOZ

ESGOS

Esta fin de semana estréase o primeiro grupo ourensán de escultismo laico

11 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta fin de semana están no albergue de Vilar de Ordelles, en Esgos, os trinta primeiros integrantes do novo grupo Scout de Ourense, bautizado co nome de Ilex, e que será o primeiro de tipo laico. Una ducia de voluntarios, profesionais de diversos ámbitos, dirixirán a agrupación como monitores, coordinados polo biólogo Xulio López Pérez

-¿Cal é a diferenza dun grupo Scout laico?

-A nivel español o movemento Scout ten dúas grandes federacións, que son as recoñecidas a nivel mundial para facer escultismo. Unha é católica e outra é plural. Nesta última hai grupos que son de algunha confesión, grupos que son de varias confesións e grupos de ningunha; ese é o noso caso. Esto non quere dicir que rexeitemos os rapaces que teñen calqueira tipo de relixión; senón que caben tódalas crenzas porque simplemente non entramos nese concepto no noso plan de actividades e formación. Respectamos ó máximo a liberdade de cada persoa, sexa participante ou monitor, nese eido e noutros como o da orientación sexual.

-¿Hay feminino e masculino?

-Non. Nestes grupos non existe esa división porque a coeducación é total. Traballamos igual con nenos e nenas, fan as mesmas actividades, teñen as mesmas responsabilidades, cada equipo é mixto e conviven plenamente; é dicir están na mesma tenda sexa cal sexa a súa idade. Entendemos que esa naturalidade na convivencia forma parte da educación no respecto hacia o outro, sexa home ou muller, en plano de igualdade.

-¿Cómo entra vostede no movemento Scout?

-Cando estaba traballando en Oleiros, nun centro de Educación Ambiental como persoal laboral da Administración, busquei algo que facer de voluntariado. Una das ofertas que me chegaron era dos Scout. Era a primeira vez que tiña contacto con eles e tiña moitos reparos, aínda que coincidira en reunións con xente destes grupos e tivera boa sintonía con eles. De feito fun para ver cómo funcionaban e poder descartalos con criterio; sen que fose unha negativa sen base. O certo é que me encantou o sistema que teñen. Eu levaba profesionalmente no mundo dos campamentos máis de dez anos, e atopeime cun enfoque totalmente diferente, moito máis potente.

-¿Cales son as claves?

-Aínda que para os rapaces é ocio, porque todo se enfoca dun xeito lúdico, isto non é unha ludoteca; é ante todo un movemento educativo. Todo o que se fai ten unha orientación formadora. A natureza é o marco ideal pero en realidade non buscamos tanto que saiban o nome dun paxaro, como que aprendan a compartir, a traballar en equipo e axudar ó máis débil para que o proxecto do grupo saia adiante, a convivir e respectar os dereitos dos demais, a superarse, a responsabilizarse das cousas e a ter iniciativa para resolver situacións.

-¿Que obxectivos se marcan?

-Que sexan cada vez máis autónomos e responsables, que se formen para ser persoas con espírito crítico capaces de aportar á sociedade ese marco de valores que no futuro lles axudarán a afrontar a súa vida e as relacións dun xeito positivo e con valentía: sabendo que o que se fai ou non se fai ten consecuencias; e tamén a superar os momentos de frustración, que tamén aparecerán na súa vida sen fundirse.

Xulio López Pérez Biólogo e coordinador do grupo scout ilex